O subdelegado informouno na reunión semanal do Centro de Coordinación provincial.

572 controis das medidas fronte a COVID-19 na provincia de Ourense na última semana

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria.

No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia, que avaliaron o intenso traballo realizado na última semana polas forzas e corpos de seguridade e analizaron as novas medidas dispostas polo Goberno autonómico.

O subdelegado do Goberno destacou que, dende o pasado día 17 e ata o 23 de febreiro, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Ourense un total de 572 dispositivos de vixilancia. Durante estes operativos, os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado identificaron a 9.674 persoas e controlaron 7.721 vehículos.

Emilio González detallou que nos últimos sete días a Garda Civil e a Policía Nacional formularon un total de 280 propostas de sanción debido ao incumprimento das restricións establecidas pola Xunta.
Así mesmo, na xuntanza do CECOR estableceuse a modulación dos dispositivos das forzas e corpos de seguridade a partir da entrada en vigor o próximo venres, 26 de febreiro, das novas medidas anunciadas polo Goberno autonómico. Estes operativos centraranse na vixilancia do peche perimetral dos concellos incluídos no nivel 1 de restricións, no control de horarios e de aforos dos sectores afectados pola normativa, así como na comprobación do uso obrigatorio da máscara e do cumprimento do resto das normas establecidas.

O subdelegado do Goberno indicou que na reunión tamén se acordou o reforzo do control nocturno, posto que a limitación da mobilidade nocturna en Galicia mantense entre as 22 e as 6 horas. Lembrouse que unicamente se poderá circular pola vías ou espazos de uso público nese horario para a realización das actividades previstas no Real Decreto 926/2020, que inclúen as obrigas laborais ou a asistencia a centros sanitarios, entre outras.

SOURCE: Centro coordinación semanal