O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde deste municipio ourensán.

Castrelo de Miño acollerá un proxecto piloto de polígono agrario de viñedo

A Xunta e o Concello de Castrelo de Miño colaborarán para a posta en marcha dun proxecto piloto de polígono agrario de viñedo de arredor de 50 hectáreas neste municipio ourensán, ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que actualmente se debate no Parlamento galego. Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde da localidade, Avelino Pazos, nunha xuntanza de traballo en San Caetano.

O titular de Medio Rural explicou que esta iniciativa se enmarca na planificación integral que está a realizar o seu departamento para a recuperación e posta en valor de terras agrarias no Ribeiro e da que tamén formará parte un polígono semellante en Leiro, anunciado antonte nun encontro co alcalde deste concello. É unha planificación que toma como base a riqueza vitivinícola da bisbarra para impulsar o seu agro a través de figuras como esta dos polígonos, que contempla a devandita lei, xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, para mellorar a xestión e a produtividade dos terreos, ao tempo que se fai un labor de anticipación aos incendios.

Por outra banda, nesta xuntanza tamén se avaliaron os traballos para mellorar as infraestruturas rurais en Castrelo de Miño. Nesta liña, o conselleiro lembrou que este municipio benefíciase dunha achega total de 73.000 euros entre os anos 2020 e 2021 por parte da Xunta, dentro dos plans de Infraestruturas Rurais (PIR) e Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

Neste sentido, José González destacou a importancia destes programas de subvencións para as administracións locais, que permiten mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das súas principais vías de comunicación.

SOURCE: polígono agrario