A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as melloras que se fixeron cunha axuda de case 17.000 euros.

Unha axuda da Xunta amplía o local veciñal de Puxedo -Lobios-

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, vén de comprobar as melloras que se fixeron no local social de Puxedo, en Lobios, grazas a unha achega da Xunta que permitiu ampliar a sede da Asociación de Veciños de Puxedo para poñer en marcha as actividades que periodicamente programa unha entidade que traballa en favor da veciñanza desta localidade enclavada no espazo natural da Serra de Xurés.

A Asociación de Veciños de Puxedo, que supera os 300 socios e que se caracteriza pola súa dinamización social e o seu traballo en favor da súa comunidade e da conservación do seu patrimonio etnográfico, contaba cun local que se lle facía pequeno, de aí que coa axuda da Xunta rehabilitase e equipase outro edifico anexo. Cunha achega de case 17.000 euros, non só se ampliou a capacidade do centro social senón que se dotou de servizos axeitados e adaptados.

Na súa visita a este fermoso enclave da Serra do Xurés, á que Natalia Prieto acudiu acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a directora xeral de Administración Local recordou que a Xunta investiu, ao longo do ano pasado, máis de 84.000 euros en axudas para mellorar as infraestruturas e equipamentos dos locais sociais de Lobios.

Cinco asociacións beneficiadas no concello ourensán
En concreto, as axudas para asociacións veciñais e proxectos comunitarios chegaron a cinco entidades de Lobios; ademais da Asociación de Veciños de Puxedo, as achegas para rehabilitación e ampliación de inmobles, adquisición de mobiliario e equipamento permitiron facer melloras nas súas sedes ás asociacións de veciños Amigos do Río Mao e Carballa de Lobios, á asociación cultural Veciños do Xurés e á asociación de veciños Montes de Puxedo, Guende e A Cela.

Estas axudas forman parte da liña destinada a apoiar o funcionamento das asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de entidades veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, ás que a Xunta destinou 2,5 millóns de euros no 2020.

Na provincia de Ourense beneficiáronse destas achegas 34 entidades por un importe superior aos 500.000 euros. En toda Galicia, as axudas favoreceron iniciativas postas en marcha por 190 asociacións. Nos últimos cinco anos, foron 10,5 millóns os que a Administración autonómica destinou a este capítulo.

No 2021 renovouse a convocatoria con outros 2,5 millóns de euros que permitirán seguir apostando pola colaboración veciñal e as actividades comunitarias en Galicia. Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e á compra de equipamento básico para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material para as súas actividades. Tamén son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

SOURCE: local veciñal de Puxedo