Será o primeira da provincia.

A Arnoia contará cun polígono cortalume

A Arnoia albergará o primeiro polígono cortalume da provincia de Ourense. Terá unha superficie de arredor de 60 hectáreas dentro de montes propiedade do Concello, que se porán en valor mediante o cultivo de viñedo e sempre baixo criterios técnicos relacionados coa prevención do risco de incendio. Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde do municipio, Rodrigo Aparicio, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Coa ferramenta dos polígonos cortalume trátase de aportar novas solucións á loita contra os incendios forestais, convertendo unha figura clásica, as devasas, en polígonos agroforestais nos que a prevención de incendios se combinará coa posta en valor destas zonas, promovéndose a actividade agrícola, gandeira e forestal, en todos os casos mediante criterios sostibles e, no caso dos usos forestais, utilizando especies que reduzan o risco de propagación de lumes. Este instrumento terá carta de natureza legal ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento.

Nesta reunión de traballo tamén se avaliou o impulso doutro polígono agroforestal, tamén orientado cara o viñedo, de arredor de 20 hectáreas noutra zona da Arnoia. Tanto neste caso como no do polígono cortalume, o rexedor solicitou que se dea prioridade á incorporación de mozos viticultores cun compromiso de profesionalización. Polo tanto, por parte de Medio Rural vaise deseñar un plan específico de incorporación destes activos, co fin de fomentar a remuda xeracional no sector viticultor da comarca, tal e como trasladou o conselleiro.

Monte de Remuíños
Por outra banda, neste encontro tamén se avanzou nos traballos de consolidación da asociación de propietarios do monte de Remuíños, que abrangue aproximadamente 145 hectáreas e que se porán en valor previsiblemente a través dun instrumento de xestión conxunta, outra das figuras que contempla a futura Lei de recuperación.

Todas estas iniciativas de posta en valor de terras na Arnoia súmanse ás deseñadas recentemente para Castrelo de Miño (un proxecto piloto de polígono agrario de viñedo de arredor de 50 hectáreas) e Leiro (outro polígono de viñedo de 100 hectáreas). Con elas dáse resposta, ademais, á demanda da Denominación de Orixe Ribeiro no sentido de impulsar a recuperación de terras e a ampliación de superficie para o cultivo de viñedo na bisbarra.

SOURCE: Polígono cortalume en A Arnoia