Ofértanse 20 prazas para nenos e nenas de ata os 3 anos de idade.

A Escola Infantil de Vilar de Santos abre o prazo de matrícula para o curso 2021-2022

A escola infantil de Vilar de Santos abre o prazo de matrícula para o curso 2021-2022.
Ofértanse 20 prazas para nenos e nenas de ata os 3 anos de idade nun amplo horario deseñado para facilitar a conciliación familiar. O prazo de inscrición manterase aberto ata o 17 de abril. O custe da inscrición varía dependendo da xornada escollida (media ou completa), sendo gratuíto para o segundo fillo e sucesivos.

O centro conta con persoal especializado que atende ás demandas dos máis pequenos de oito da mañá a catro da tarde. Un amplo horario deseñado para facilitar a conciliación familiar pero tamén para acompañar aos menores no seu desenvolvemento como afirma Remedios Cid, unha das educadoras do centro: «Na escola infantil acompañamos a cada crianza no seu desenvolvemento integral. Ademais de proporcionar actividades e materiais adecuados ao seu momento evolutivo, creamos un entorno de seguridade emocional. Entorno que fomenta a súa autonomía, e polo tanto repercute nunha mellor autoestima.»

A escola foi recentemente reformada polo Concello de Vilar de Santos, contando cunha aula de infantil, zona de xogo, zona de gateo, unha zona de berces e un grande patio exterior de 250 metros cadrados delimitados no seu perímetro. Un lugar ideal para aprender xogando con todos os coidados necesarios.

Vivir no rural non debe ser sinónimo de falta de oportunidades. Esa é a máxima coa que traballamos dende o Concello. Non nos resignamos e demostramos que é posible poñer en marcha novos proxectos e servizos, planificados e comprometidos coa realidade do mundo rural e cun ensino de calidade, contextualizado e dinamizador do medio. A nosa contribución para frear o devalo demográfico é poñer ao dispor da veciñanza idénticos servizos aos que poderían encontrar en calquera cidade. A Escola Infantil é unha nova alternativa, outra aposta de futuro máis e neste momento reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello de Vilar de Santos para facer fronte ás novas demandas, frear o envellecemento e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar e tamén xerar atractivo para persoas que queiran establecerse entre nós”, afirma Xan Jardón, alcalde de Vilar de Santos.

As persoas interesadas en reservar unha praza para o próximo curso escolar teñen de prazo ata o 17 de abril para formalizar as súas solicitudes segundo o modelo normalizado que poden atopar na páxina web do Concello de Vilar de Santos (https://www.vilardesantos.gal/escola-infantil/) ou nas propias instalacións municipais. Para máis información poden poñerse en contacto vía telefónica no 988447109.

SOURCE: Matrícula escola infantil Vilar de Santos