A sala Valente acolle a mostra 'Os nosos Entroidos: exposición de traxes tradicionais e de personaxes'.

O Entroido en Ourense

A sala Valente acolle a mostra ‘Os nosos Entroidos: exposición de traxes tradicionais e de personaxes’, que abre ao público durante os meses de marzo e abril. Prevista para o mes de febreiro -as restricións pola Covid impediron facer coincidir a exposición coas datas de Entroido-, está formada por 110 pezas de 44 entroidos distintivos da provincia. “É a maior festa que temos en Ourense, e Ourense, cidade e provincia, é unha potencia do Entroido”, asegurou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante a inauguración da mostra.

“Trátase da maior exposición que se fixo nunca sobre o Entroido en Galicia”, dixo o rexedor perante integrantes da corporación municipal e outros persoeiros como Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia, e os vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández e César Fernández.

Os elementos expostos, algúns con máis de medio século de historia, proceden de cesións realizadas por 39 concellos, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a famosa Morena de Laza. Porén, a exposición conta tamén con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia, en palabras de Francisco González, director da exposición.

Tamén están a Pita das Eiroás, a Paquita e o Nicanor de Seixalbo ou o Frei Canedo, figuras senlleiras dos entroidos da cidade. Pero tamén se poderán coñecer, grazas ao traballo de recuperación de tradicións esquecidas na cidade de Ourense, outras figuras tradicionais desta festa coma os domingos de cacharelas -o equivalente na cidade do domingo oleiro- ou as tradicionais líricas, pezas satíricas propias do Entroido ourensán semellantes ás que coñecemos doutras latitudes, coma as chirigotas gaditanas.

O horario de apertura da sala Valente (rúa do Paseo 20, planta baixa) é o seguinte: de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas; os domingos de 11.00 a 14.00 horas. Os luns o espazo permanece pechado.

SOURCE: Exposición entroidos provincia Ourense