Presentouse o terceiro número da revista, Nós, a Xente do Redor.

A Atenas galega rexurde no Liceo de Ourense

No marco incomparable, O Liceo de Ourense, templo da cultura ourensá, tivo lugar a presentación do número tres da revista, Nós, a Xente do Redor.

Alí déronse cita preto de medio centenar de artistas galegos, chegados desde distintas partes da xeografía española, Madrid, Porriño, Allariz, Trevinca, Lalín… pintores, novelistas, poetas, escultores, fotógrafos, deseñadores e o equipo técnico de Orixe Publicidade e Comunicación, creador da revista.

O director da publicación, Avelino Jácome, fixo entrega dos exemplares acompañado pola presentadora Marina Sánchez e o pintor Miguel Ángel Martínez Coello, autor do retrato de Vicente Risco, que ilustra a portada, e que agasallou cunha lámina de dito retrato a cada autor.

Tamén se fixo entrega aos colaboradores, JBA Servizos Inmobiliarios, Aplitec Suministros Industriales, Edades Vivenda De Maiores, Quiosco Marcos e A Ruta do Viño do Ribeiro.

No plano institucional recibiron devanditos exemplares de agradecemento Don Rosendo Luís Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, e de forma simbólica a Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O evento, amenizado con varias actuacións do músico Daniel Rincón, tivo un momento especialmente distendido coa realización do sorteo dun lote de viños por parte do representante da Ruta do Viño do Ribeiro Juan Manuel Casares Gándara.
Desde a organización, agradeceron a todos os asistentes o cumprir estritamente co protocolo COVID19 e como sempre a esmerada atención que brindou o Liceo de Ourense na persoa de Jose Luís Troitiña, que coidou cada detalle. Tamén agradecer a Marila Abad, pola ornamentación floral que realizou, realzando aínda máis se cabe o Salón Nobre do Liceo de Ourense.

SOURCE: Nós, xente do redor