Para potenciar un dos sinais de identidade da nosa provincia.

A Deputación colaborará coa Asociación de Pulpeiros do Carballiño

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo no Pazo Provincial unha reunión co presidente da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, Roberto Pereira, e cos membros da directiva desta entidade Suso Pereira e María Lage, recentemente elixidos para asumir as responsabilidades de xestión da asociación. Foi unha xuntanza na que o presidente do goberno provincial comprometeuse a apoiar desde a Deputación iniciativas “para potenciar o polbo, unha “marca” da provincia de Ourense”, destacou Baltar.

Entre os temas que abordaron figuran aspectos como a imaxe corporativa deste produto gastronómico que representa a Asociación de Pulpeiros do Carballiño, para incluíla en carpas vestimenta e material promocional, pois “o produto e o xeito de cociñalo e preparalo por parte dos polbeiros son un sinal de identidade do noso pobo; de aí que a Deputación de Ourense se amose favorable a coñecer o plan de acción da asociación e a cooperar no desenvolvemento das actividades que o integran”, salientou Baltar, quen os felicitou pola súa recente elección e desexoulles moitos éxitos na súa xestión.

SOURCE: Asociación pulpeiros O Carballiño