Desde a Ponte... a Monterrei

“Lorenzo” a taberna da cruz

Non podo esquecelos. Eran garitos, onde antano cheiraba a viño, o aroma único da taberna. Alí, esquecíanse os mandatos imperativos dos sabios doutores, pregoando que o exceso de branco ou tinto non era bo para a saúde. Pola contra, como antídoto, aconsellaban alterne moderado deixando caer, que pulular de tasca en tasca, era a mellor actividade para o benestar, cando se facía sobre todo con ledicia, e xenerosidade…

Verín foi antano, un pobo de alterne, onde as xentes saían en pandas a facer as rondas dos viños. Reinaba ante todo o espírito de grupo, de unión e de xolda. Cando neno, no barrio, os rapaces fartos de xogar ceibes, tiñamos os bares cómplices, onde xamais faltou un chisco de auga para refrescar a gorxa. A taberna do ”Lorenzo”, era o meu preferido, porque precisamente non era sitio de beber auga. Foi amigo íntimo do meu pai, actores principais de fermosas peripecias nocturnas na xuventude. Alí xuntáronse diversos personaxes celebres da vila. Xurdiron neste recuncho momentos enxebres de daquel Verín das “serenatas directas ao corazón”. O mítico grupo bilbaíno dos sesenta “Los bocheros”, despois de actuar no cine Buenos Aires, quixeron desfrutar da máxia deste bar, quedando atrapados polo seu embruxo. Xuntáronse co grupo local “Los nocturnos” e cantaron ata o amencer. Aquela noite, “o Titá” con cruces diabólicos de cartas, en segundos trocou a realidade, deixando desplumado a un daqueles vascos invitados ao paraíso. O Benito “Vento”, perfumaba o ambiente coa súa pipa, sempre en erupción. O enterrador “Pirri”, entraba pola retagarda saltando da bicicleta, pousando os pés o ritmo pendular da súa prexudicada cadeira. Foi na “Granxa”, onde un central contundente lesionouno. Tamén eran frecuentes o “ Cardoso” o “Sancristán” o Luís da Brigadilla, o “Ciélaga” o factor da Renfe “Marciano Izquierdo”, os irmáns “Pallín” Digno e Luís, o “pándigo”, o “Saro” e o Sergito “Chita”, activos animadores das noites de serenata, que con guitarra e refinado gusto, interpretaban cancións inesquecibles. Xente de bo vivir e de bo beber”.

O solpor, entre lusco e fusco, cando o viño esperta os trasnos da noite, xurdía entón espontánea, e clara voz de Lorenzo, que arrastraba a clientela, fundindo en doce melodía os acordes da súa canción preferida, “Estou celoso non podo negalo”. Eran ecos das notas dun amor desesperado, que con profundo sentimento esfumábanse, sempre coa mesma dirección, “para ela…”.

Un feixe de mensaxes, firmas e debuxos escritos na parede, compuñan un mosaico extraordinario que decoraba o local. Cada quen, deixaba alí a súa inspiración do momento. Chamaba a atención, unha frase que rezaba, “Nunca mais se soubo del”. Sei a boa fe, que moitos sabían o paradoiro daquel home misterioso, mais mantiveron o segredo eternamente. Un debuxo coa silueta dunha muller espida, feita polo “Toné Prieto”, era coma un poema gráfico, representando a sutil fermosura das musas imaxinarias que levitaban no ambiente.

Paseando polo fermoso barrio vello de Verín, o chegar a esquina da Cruz ca rúa do pozo, as lembranzas, fixeron xurdir estas letras, adicadas este recuncho entrañable, que sen dubida formou parte da miña infancia.
Coñecín a Lorenzo, e tiven o pracer de escoitar cante na taberna dende neno. Coido que dalgunha maneira quedáronme gravadas aqueles intres, que tanto se botan de menos. Tomar un viño cos amigos e arrancar unha cantiga espontánea, son maneiras de vivir que herdamos dos nosos vellos, e que con orgullo, sempre levarei por bandeira. Cada día que paso por diante da taberna, lémbroos con nostalxia, porque tiven a ocasión de vivir con eles, un anaco das súas andanzas, certificando ante todo, que Lorenzo, o taberneiro, ademais dunha boa persoa, foi un gran amigo.

Miguel A. Prieto “Chitin”

SOURCE: opinión, Chitin