Ethel Vázquez anunciou os avances na execución dos 65 M€ que recollen as contas do departamento.

A conselleira de Infraestruturas rinde contas á CEO

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o investimento simultáneo da Xunta de 13 millóns de euros nas infraestruturas da cidade de Ourense e garante que manterá a reivindicación do impulso das actuacións pendentes do Estado.

Vázquez Mourelle mantivo un novo encontro de traballo coa presidenta e coa Comisión de Infraestruturas e PXOM da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Na xuntanza, a titular de Infraestruturas e Mobilidade deu conta dos avances no compromiso adquirido polo Goberno galego, e máis concretamente polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coas infraestruturas da provincia, para impulsar os investimentos do Goberno galego e defender e reivindicar ante o Goberno de España que se desbloqueen as infraestruturas pendentes do Estado en Galicia.

A conselleira informou dos progresos na execución dos investimentos do departamento que dirixe, que este ano reservan 65 M€ para a provincia de Ourense, con especial atención á cidade.

Puxo como exemplo deste traballo a estación de autobuses da intermodal, na que continúan aínda os últimos labores, pero que desde a súa posta en servizo, no mes de febreiro, permite xa o intercambio entre o autobús e o ferrocarril en 30 segundos, mentres se continúa agardando pola chegada do AVE.

Referiuse ás obras da 2ª fase da Ponte Vella, para a recuperación patrimonial da contorna da Capela dos Remedios e que inclúe a creación dun novo ‘skate park’, aberto a pasada semana no Couto. Tamén destacou a reforma integral da rúa Marcelo Macías, que se agarda concluír nos vindeiros meses e avanzou o inicio, en maio, das obras da Xunta da 2ª fase da mellora da seguridade viaria en Seixalbo, na zona do Tanatorio.

Ethel Vázquez sumou a este conxunto de actuacións, “destinadas a facer cidade en Ourense, mellorando a calidade de vida e a competitividade da cidade”, as impulsadas para a mellora da competitividade na provincia.

Nesta liña, aludiu ao novo enlace do polígono de San Cibrao coa A-52, no que a Xunta investiu case 22 millóns de euros, unha infraestrutura que, tal e como sinalou, a Xunta aspira a prolongar aproveitando a oportunidade do Next Generation.

Citou tamén o importante traballo para a mellora dos firmes das estradas da Xunta en Ourense, ao que este ano se destinarán case 6 millóns de euros ou os contratos de conservación e vialidade invernal que a Xunta vén de licitar e que suporán un investimento de máis de 24 millóns de euros na provincia nos vindeiros catro anos.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lamentou que os datos que acreditan o traballo do Goberno galego polas infraestruturas de Ourense contrasten coa parálise das infraestruturas dependentes do Goberno central.

Expresou as “moitas razóns” da inquedanza da Xunta con respecto á estación ferroviaria da intermodal, á Variante exterior ferroviaria, ao ferrocarril a Lugo, ao ferrocarril a Vigo ou á autovía a A-56. Tamén se referiu á Variante Norte, á A-76 ou ao túnel da Cañiza da A-52, que está pechado desde xaneiro, causando inxentes prexuízos económicos e sociais.
Asegurou que a preocupación dos empresarios de Ourense por esta situación non só está xustificada, senón que é plenamente compartida pola Xunta. Lembrou, a este respecto, que o Goberno galego vén reclamando con insistencia esas infraestruturas estratéxicas para a provincia, e así as ten reivindicado nas xuntanzas mantidas en marzo e abril co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana.

Ethel Vázquez incidiu en que a forza das demandas expresadas conxuntamente nos últimos meses desde Galicia, teñen como resultado o compromiso do Goberno de España de impulsar a curto prazo algúns destes proxectos. En concreto, citou a Variante Norte, Eirasvedras-Quintela, priorizada pola Xunta e pendente de licitación desde 2018; a Variante exterior e a terminal ferroviaria, sobre a que cómpre un avance máis decidido; ou o túnel da Cañiza, cuxa reapertura se anunciou para este mes de abril, un mes antes do inicialmente previsto.

Tal e como expresou a conselleira estes “tímidos avances” serán recoñecidos cando se vexan materializados, “porque o certo é que cando os Gobernos falan en serio falan a través do Boletín Oficial do Estado e isto aínda non sucedeu”, apuntou.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade reafirmou o compromiso do Goberno galego a seguir traballando pola defensa das infraestruturas de Ourense, garantindo que a Xunta se manterá vixiante e exixente para que o Estado cumpra coas necesidades desta cidade e da provincia, da mesma maneira que cumpre con elas a Xunta de Galicia, concluíu.