Entre as homenaxeadas inclúense autoras como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, María Luz Morales, Virginia Felicia e Sofía Casanova.

Exposición ‘Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas’

Ourense acolle a exposición ‘Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas’ que estará aberta ao público ata o 14 de xullo no Espazo Xove.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que o papel das mulleres nos medios de comunicación e a protección ás xornalistas son factores clave para reforzar a liberdade nos medios e a diversidade de opinións.
Manifestacións que fixo na inauguración da exposición, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas, na que tamén participaron o alcalde de Ourense en funcións, Armando Ojea; o subdelegado do Goberno, Emilio González; o vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, César Fernández e a representante do Colexio de Xornalistas de Galicia na demarcación de Ourense, Alba Chao.

Gabriel Alén asegurou que “temos a débeda de loitar contra a inercia do pasado. Cambiemos un sistema forxado e desenvolvido por e para os homes. Fomentemos o equilibrio de xénero tanto nos nosos fogares como no noso lugar de traballo”. E concluíu “cambiemos o modo en que xestionamos os nosos roles nas dimensións pública e íntima: homes e mulleres teñen que ser igualmente capaces e estar dispostos a participar na mesma medida nas dúas dimensións”.

O delegado territorial destacou que a profesión xornalística galega contou xa nos seus inicios con mulleres que foron fundamentais nesta profesión. “O esforzo tenaz destas pioneiras da comunicación levounas a superar discriminacións e a romper cos esquemas impostos” incidiu.

Gabriel Alén afirmou que esta exposición supón un merecido recoñecemento ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade entre mulleres e homes. “Unha loita para a que se serviron do máis indestrutible instrumento de poder: a palabra, na súa escritura, na súa voz e na súa capacidade de comunicar”, subliñou. Neste sentido, engadiu que “a forza do seu legado na loita pola equidade laboral sobreviviu e ata medrou ao longo do tempo”

A Exposición
A Xunta pon a atención nesta exposición nas “mulleres que durante moito tempo foron silenciadas e invisibilizadas“. Nesta miradas desde a historia hai espazo para 12 galegas destacadas. Así se recollen as opinións de Emilia Pardo Bazán, que escribiu máis de dous mil artigos de prensa, ou de pioneiras como Concepción Arenal ou Mª Luz Morales, que nos anos 20 escribía no diario La Vanguardia baixo o seudónimo de Felipe Centeno e que se acabaría convertendo na primeira muller en dirixir un xornal. Parte da exposición dedícase ademais a Sofía Casanova, correspondente de guerra, e a Virginia Felicia, coñecida como a raíña do folletín. Completan o elenco de homenaxeadas nesta oposición as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a crítica literaria Concha Castroviejo; Mercedes Vieito, que exerceu o xornalismo desde Cuba; a escritora María Vinyals e Avelina Valladares, articulista e poetisa.

Na colección, que permanecerá aberta ata o 14 de xullo, amósase, de xeito visual e didáctico, diversos aspectos das traxectorias destas escritoras, que viron marcadas, na práctica totalidade dos casos, polo incorformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.

A Xunta persegue con esta iniciativa que toda a sociedade, especialmente a mocidade, coñeza esta parte da historia de Galicia e dos inicios da loita pola igualdade. Tamén serve para recoñecer o papel de mulleres referentes na profesión xornalística galega, que contribuíron en cada momento á modernización política, social e cultura a través dos seus escritos e das súas voces.

SOURCE: Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas