Medio Ambiente adxudica as obras por case 75.000 euros.

Reformas na contorna da capela de San Miguel, en Vilaza

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, visitou a contorna da capela de San Miguel en Vilaza trala adxudicación das obras da súa humanización e mellora pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por un importe de case 75.000 euros.

Cun prazo de execución previsto de tres meses, os traballos centraranse nas rúas colindantes coa Capela de San Miguel, afectando as rúas: Capela, Cova e Rúa Santa María. Ademais actuarase dende a entrada da Rúa da Cova ata a capela.

Os traballos para acometer consistirán na demolición do firme existente e construción doutro novo co obxectivo de humanizar o entorno da Capela de San Miguel. O criterio principal no deseño da pavimentación é o de implantar unha solución similar á última que se adoptou na zona Norte do núcleo de Vilaza, próxima á igrexa parroquial, servindo de referencia ás novas pavimentacións que se acometan co fin de evitar o repertorio de solucións existentes e dar unha unidade a este núcleo con casuísticas semellantes. Os materiais serán acordes cos tradicionais da zona.

Tamén se realizará unha pre-instalación de soterrado de liñas, de forma que se deixarán previstas tanto as canalizacións de pvc como as correspondentes arquetas de rexistro para o futuro soterrado das redes de alumeado e baixa tensión.

En definitiva, a intervención sobre a contorna da capela de San Miguel xustifícase co fin de dotar ao núcleo de Vilaza dun equipamento de infraestruturas mínimo e acorde ás necesidades da veciñanza, para mellorar a súa calidade de vida e benestar á vez que se fomenta a conservación.

SOURCE: Contorna da capela de San Miguel