Decrecendo

Esto que vivimos é decremento?

Xa lles adianto que a resposta é NON. Así nos evitamos todos un noxento “clickbait”, ese anglicismo para referirse ás novas dos xornais e televisións que non son máis que un anzol para que “pique” a xente.

O decrecemento, como se recolle na web degrowth.info ven sendo “unha xestión económica e unha sociedade nas que o obxectivo para alcanzar é o benestar de todos e todas, respectando o fundamento ecolóxico da vida. Para iso é necesario non só un cambio fundamental do noso estilo de vida, senón tamén unha transformación cultural integral”.
Porén, o que estamos a vivir no contexto socio económico actual é unha situación de escaseza de recursos, de endurecemento das condicións de habitabilidade, de emprego, de acceso e uso da enerxía, etc. É certo que se un organismo non crece, soamente pode facer dúas cousas: ou estancarse ou decrecer.

Algúns decrecentistas queren evitar a toda costa que se asocie esta situación de precariedade ao concepto do Decrecemento e ese esforzo é lexítimo porque desde a bancada das distintas opcións políticas que ven no crecemento o fito e obxecto de todo – case todas – está a xurdir un discurso hostil contra as correntes decrecentistas como se desexasen esta situación de precariedade, que realmente ninguén quere. Incluso algúns, máis ousados, chegan a insinuar que esta situación ven provocada por esas mesmas correntes decrecentistas.

Nada máis lonxe da realidade. Imaxine que vostede ten un brazo gravemente infectado e en vez de acudir a un profesional da saúde acode a un coñecido que lle di que iso non é nada, que cunha pílula e unha gasa está todo arranxado. Loxicamente, con esa resposta marcha contento para casa e de alí a días morre porque a infección chegou a órganos vitais do corpo. Outra alternativa: acode a un médico que presenta a solución con crueza pero honesta. Se quere sobrevivir, hai que amputar o brazo. Terá que aprender a manexarse cun só brazo ou cunha prótese pero poderá seguir gozando dunha vida plena, envellecer e acariciar aos seus netos. Con esta metáfora podemos definir, moi simplemente, a situación actual. Os gobernos propoñen gasas mentres nos seguen a falar de vacacións, pensións, emprego, crecemento infinito, consumo desbordado… ata que o sistema colapse. Ou, pola contra, podemos asumir que estamos ante un cambio de todo e empezar a tecer redes solidarias, aprender a vivir con menos, de forma pausada, máis contemplativa e sen tantos impactos ou shocks consumistas.

Lembren que o Decrecemento busca un reparto xusto e solidario dos minguantes recursos que temos, busca fortalecer un modelo de sociedade menos mercantilista, máis achegado aos coidados, buscar re-utilizar as cousas o máximo posible, compartir os servizos dunha forma voluntaria e consensuada.

O Decrecemento non provocará a desaparición dos coches nas nosas urbes, será a escaseza de combustible. O Decrecemento non impedirá a ampliación de rutas aéreas ou novas pistas en aeroportos pouco utilizados, será a imposibilidade de reparar, manter e alimentar esas carísimas e complicadas infraestruturas. Cando as canles de distribución vaian perdendo músculo e eficacia e vexan esmorecer os mostradores dos supermercados ou non lle cheguen a tempo os paquetiños de Amazon, non será cousa do Decremento.

Hai un dito que afirma que cando o sabio sinala á lúa, o parvo mira cara o dedo. Levanten a cabeza e miren alto. Será necesario para un futuro que nos afectará a todos.

Óscar Blanco

SOURCE: Esto é decrecemento?