ARI´s, Fondo de cooperación, rehabilitación enerxética, son algunhas das axudas dispoñibles desde esta consellería.

Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ofrece axudas en materia de rehabilitación residencial

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ofrece axudas en materia de rehabilitación residencial dirixidas a particulares, comunidades de veciños e concellos.
En marzo publicabase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución pola que se convocaban cinco axudas distintas para promover a conservación e a rehabilitación dos inmobles, por un importe global de preto de 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta de Galicia.
O obxectivo dos distintos programas dirixidos a particulares, comunidades de veciños e administracións locais é mellorar o patrimonio edificatorio da Comunidade galega. Así, abríase o período para solicitar axudas ao abeiro do programa de fomento de conservación e mellora de accesibilidade das vivendas, fomento e rexeneración urbana nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, para rehabilitar inmobles e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social e o programa de infravivenda.
Xa no mes de xuño, a Xunta convocou o programa Fondo de Cooperación cos concellos, dotado con más de 4 millóns de euros.

ARI municipais
As axudas ás áreas de rehabilitación integral (ARI), tamén convocadas en xuño, prevén este ano un orzamento de ata 10,2 millóns de euros. En primeira instancia a contía e de 5,4 millóns de euros, un orzamento que poderá ampliarse en 4,8 millóns de euros máis, se se rexistran solicitudes por parte dos concellos que superen o crédito inicial. Ademais, trátase de axudas compatibles coas do programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes convocadas polo IGVS (instituto Galego de Vivenda e Solo).
Son un total de 44 concellos que teñen unha área declarada a participar e presentar proxectos para a rehabilitación de inmobles nas 75 ARI municipais que acumula Galicia.
O importe máximo da axuda que poden percibir os propietarios é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento, aínda que poderá chegar ao 85% no caso de persoas con ingresos inferiores a tres veces o IPREM e tamén cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 años.
Ademais, os concellos poderán recibir tamén subvencións para actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI, sempre supeditadas á rehabilitación dos inmobles e cun importe de ata 2.000 euros por cada un recuperado. E a isto hai que sumar que a Administración local recibirá financiamento para a oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda—.

Rehabilitación nas tres ARI supramunicipais
O Instituto Galego da Vivenda e Solo xestiona directamente as tres áreas de rehabilitación integral de carácter supramunicipal que están declaradas hoxe na Comunidade galega, son a ARI do Camiño de Santiago (na que se integran 126 concellos), a do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia (4 entidades locais) e a da Ribeira Sacra (25 municipios).
Neste caso, o prazo de solicitude de axudas estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro. Os solicitantes poderán recibir ata 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e sumar outros 1.000 euros sempre e cando se adapten á Guía de cores e materiais. Asemade, cando o beneficiario sexa menor de 35 anos e resida nun concello de menos de 5.000 habitantes, o importe da axuda incrementarase nun 25%.
As actuacións que se poderán levar a cabo son obras e traballos de mantemento nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior, a fin de adecualos, e obras de demolición de edificios e vivendas e obras de nova construción.

Conservación e mellora da accesibilidade
O programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 está dirixido a financiar actuacións de rehabilitación de edificios ou vivendas, como as relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións, das cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras.
No caso das actuación de accesibilidade, destacan a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como calquera intervención que facilite a accesibilidade universal, como elementos de información ou de aviso ou dispositivos electrónicos de comunicación.
As axudas podían solicitarse ata o 22 de abril e os beneficiarios foron este ano máis de 1.600 persoas propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios, as comunidades de propietarios, así como agrupacións de propietarios.

Fondo de cooperación
Outra liña de axudas aberta son as do Fondo de cooperación para a rehabilitación de inmobles en concellos con menos de 50.000 habitantes.
Trátase dun programa creado en 2017 polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e que na actual convocatoria –a de 2021- reserva case 4,5 millóns de euros. Os concellos interesados en participar no mesmo dispoñen ata o 1 de outubro para presentar as súas solicitudes. Os concellos que presenten os seus proxectos e se beneficien deste crédito, terán un prazo de oito anos -sen xuros- para devolvelo. Estes incentivos serven para levar a cabo actuacións de rehabilitación, así como para adquirir inmobles para a súa posterior recuperación. Grazas aos mesmos xa se impulsaron 36 axudas por un importe de máis de 7 millóns de euros.

SOURCE: axudas rehabilitación vivendas