Terá lugar o día 12 de setembro.

O Inorde organiza a primeira marcha cicloturista pola Ribeira Sacra

O Inorde organiza, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a primeira marcha cicloturista “A Ribeira Sacra Cycling Road”, que levará aos participantes da proba a gozar da beleza paisaxística e natural que ofrece unha das zonas máis emblemáticas da nosa provincia: a Ribeira Sacra. O padriño desta primeira edición será Abraham Olano, campión do mundo no ano 1995 e tamén gañador de La Vuelta España.

O evento deportivo, que percorrerá os municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, ofrece aos participantes tres posibles percorridos para poder adaptala a todos os públicos: gran fondo de 115 quilómetros e +2700 metros de desnivel; medio fondo de 100 quilómetros e +2200 metros de desnivel; e o mini fondo de 65 quilómetros e +1400 metros de desnivel. Esta proba, de carácter non competitivo, terá lugar o día 12 de setembro, sendo a saída da mesma ás 9.30 horas, na localidade de Luíntra, no Concello de Nogueira de Ramuín.

O tráfico estará controlado, pero aberto, polo que os participantes deberán respectar as normas vixentes de circulación. Ademais, durante toda a marcha cicloturista deberán circular polo carril dereito. “A Ribeira Sacra Cycling Road” conta cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, con ramplas do 24%. Así mesmo, os tres primeiros de dito tramo recibirán un premio especial.

SOURCE: A Ribeira Sacra Cycling Road