Reciclou un 31% máis de téxtil usado que o semestre pasado.

Allariz recicla e recicla

“Humana Fundación Pueblo para Pueblo”, organización que promove dende 1987 a protección do medio a través do aproveitamento do téxtil e que leva acabo programas de cooperación internacional e nacional, recuperou 7.665 kg de téxtil usado en Allariz durante o primeiro semestre de 2021 para darlles unha segunda vida.

A recollida selectiva do residuo téxtil supón un amento do 31% respecto ós primeiros seis meses do ano pasado e equivale a 34.000 prendas de roupa.

Os donantes da vila de Allariz depositan nos contedores situados na vía pública a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil do fogar que xa non utilizan, posibilitando desta forma a súa xestión, que permitirá alargar a súa vida útil.
A reciclaxe das máis de sete toneladas de téxtil recollidas na vila de Allariz ten unha dobre compoñente positiva. Esta xestión trae consigo un beneficio social dado que permite a creación de emprego verde e a financiación de proxectos sociais. Ademais, tamén ten como resultado un beneficio ambiental, que vén da man de reducir a xeración do residuos e de evitar que estes acaben no vertedoiro. A recuperación de residuo téxtil que se leva feito no que levamos de anos supón evitar a emisión de 24 toneladas de CO2 á atmosfera.

Estes bos resultados na reciclaxe de téxtil reforzan o traballo que dende a Área de Medio Ambiente do Concello de Allariz se realiza en materia de reciclaxe a través do Servizo RE. Os programas e campañas que fomentan o coidado do medio así como unha boa reciclaxe tanto na separación dos residuos así como no tema da compostaxe, seguirán sendo obxectivos para seguir traballando en Allariz e continuar como referente nesta materia grazas a colaboración da veciñanza.

SOURCE: Reciclaxe en Allariz