O da Sección Oficial, que aparecerá tamén nos programas, é obra do debuxante ourensán David Rubín.

O OUFF presentou os seus carteis

O Festival de Cine de Ourense, que terá lugar entre o 24 de setembro e o 2 de outubro de 2021, xa ten imaxe oficial para a súa 26 edición. Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF, e Aurelio Gómez Villar, director técnico do festival, foron os encargados de presentar o cartel principal da Sección Oficial, que é obra do prestixioso debuxante ourensán David Rubín.

“Será a imaxe principal, a que vaia nos programas e demais presentacións do OUFF. O autor amosouse encantado da proposta de colaborar co festival dende o primeiro momento e prestouse con moita ledicia a facelo. Ademais cremos que encaixa moi ben coa esencia e co que é este festival” afirmou Carmen Leyte.

Miguel Anxo Fernández quixo destacar que se segue coa tradición de encargarlle o cartel a un autor ourensán, como se facía no Ourense dos anos 70 polas Xornadas de Cine que organizaba naquel momento o Cineclube Padre Feijoo e “que nós recuperamos no 2019 con Alexandro e no 2020 con Baldomero Moreiras. Agora recorremos a David Rubín, un dos punteiros do cómic non só en España senón a nivel internacional e ourensán de pro. Dá unha imaxe informal e moi singular do cine”. Como acto simbólico, o autor asinará unha tirada de 50 exemplares que se venderán e cuxos beneficios se dedicarán a unha ONG que o propio David Rubín decidirá.

Aposta pola mocidade
O director artístico tamén resaltou como os outros dous carteis “son unha aposta pola xente nova. David Rubín xa ten proxección pero tamén é moi satisfactorio apoiar á xuventude e darlle un espazo”. Nuria Grandío repite como autora do cartel do OUFF en Curto, apostando nesta ocasión pola técnica do collage e mesturando elementos cinematográficos con outros da cidade de Ourense, para ilustrar un certame que exhibirá o mellor das curtametraxes galegas actuais.
Tamén houbo oco para exhibir a imaxe que acompañará a cuarta edición da sección de Fas Muvis, o certame que reúne a seis equipos para rodar unha peza audiovisual cun límite de 48 horas, e que nesta ocasión ten as Burgas como protagonista. Tania Sueiro asina este cartel.

Activada a conta atrás
A dous meses do inicio do festival, anunciouse que nos vindeiros días se irán desvelando máis novidades. Carmen Leyte destacou que “o equipo leva traballando moito dende principios de ano, porque preparar un festival desta índole ten moito traballo detrás de toda a xente que está á fronte do día a día”.
Aurelio Gómez Villar quixo resaltar que “este ano a Fundación Carlos Velo dá un paso adiante e terá máis protagonismo. A Deputación de Ourense mantén o seu apoio pero será a primeira vez en que a Fundación, a única de Galicia dedicada por enteiro a un cineasta, dirixa e organice. E espero que este modelo se consolide de cara a futuras edicións”.

SOURCE: Festival de Cine de Ourense