Haberá talleres infantís os martes; os alternos dedícanse aos bebés.

Obradoiros e bebecontos no mes de agosto na biblioteca de Ourense

A biblioteca pública de Ourense Nós continúa en agosto cunha ampla programación dirixida especialmente ao público infantil. Así, haberá todos os martes obradoiros de temáticas diversas para rapazada a partir de 6 anos, e xoves alternos de contacontos para bebés, ademais de mostras bibliográficas moi variadas. As actividades previstas, nas que cómpre inscribirse, desenvolveranse ás 12 horas e sempre que sexa posible no exterior, nos soportais dianteiros e na praza da biblioteca.

Os obradoiros Mulleres con ciencia iniciados en xullo pechouse cunha última sesión que tivo á á bioquímica molecular Margarita Salas como protagonista. Nesta actividade abordarase a xenética de maneira sinxela e a través de experimentos. O primeiro deles consistirá na extracción e visualización do ADN a partir dunha fresa e o segundo, na obtención de pegadas dactilares.

O día 10 será a quenda da maxia, da man de David Méndez, cun obradoiro no que os participantes realizarán trucos sinxelos e didácticos. Pola súa banda Cucarandainas guiará o día 17 a actividade creativa String Art, unha técnica de fiado sobre cravos coa que se entrecruzan os fíos, que axuda á relaxación e á concentración. Cunha madeira como base, os participantes formarán figuras xeométricas ou abstractas con resultados decorativos.

Finalmente, para o 24 de agosto programouse un obradoiro de robótica, no que a rapazada desenvolverá a creatividade deseñando, programando e dándolles vida a diferentes robots con material de Lego education. O obxectivo é fomentar a aprendizaxe mediante o xogo, así como as habilidades motrices, a concentración e a reciclaxe.
Pola súa banda, os bebés de 1 a 4 anos poderán gozar os xoves 5 e 19 de senllos contacontos, Bechiños, con Ana Faccini, e Chimpo de ra, con Raquel Queizás, respectivamente.

Mostras
Cómpre sinalar que desde o 29 de xullo pode visitarse a exposición Noroeste cuarta oeste: rutas de ficción, unha mostra itinerante arredor de todas as manifestacións artísticas e enmarcada no programa Nortear a prol do reforzo dos vínculos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Permanecerá na biblioteca de Ourense ata finais de outubro.

Canto ás mostras bibliográficas, o pasado día 22 tamén se instalou 2021. O ano do regreso dos eventos deportivos, que afonda nos xogos olímpicos e no deporte en xeral. Xunta a esta, mantéñense algunhas das mostras que comezaron en xullo, como Retallos de aquí e acolá, que traslada o público ao século pasado nunha mostra etnográfica creada con doazóns das persoas usuarias da biblioteca, e Non sabes que facer este verán? con diversas posibilidades para viaxar e aprender, así como múltiples propostas para ler e facer no tempo de lecer.

SOURCE: Biblioteca Nós