Celanova acolle este proxecto do 10 ao 12 de setembro.

Emocións, un camiño musical polas letras de Manuel Curros Enríquez

Celanova acolle este do 10 ao 12 de setembro o proxecto “Emocións, un camiño musical polas letras de Manuel Curros Enríquez”. Unha iniciativa da Banda de Música de Celanova na que colabora o Concello de Celanova a Fundación Curros Enríquez, a asociación de comerciantes CHEA e artistas e veciños a título particular para resaltar o nexo entre a cultura e a vila. O obxectivo principal deste proxecto é resaltar o nexo entre a cultura e a vila de Celanova, empregando como elemento vertebrador a Banda de Música Municipal, unha institución histórica. A figura de Manuel Curros Enríquez, poeta celanovés, será o fío condutor na iniciativa.

A creación dunha composición musical para banda, coro e cantantes solistas acompañados dun narrador, gaita e baile galego constituirá o cumio das actividades planeadas. Esta obra, creada”ex profeso” para a súa estrea no presente proxecto, plasmará por medio da música as emocións contidas nos poemas de M. Curros, supoñendo unha expresión músico-literaria perdurable no tempo e ligada á cultura galega. Alén disto, preténdese sustentar o desenvolvemento da iniciativa sobre as asociacións e entidades locais, de xeito que se consiga unha unión sinérxica entre todos os colectivos da vila a través da integración. Por mor desta integración, acadarase unha implicación de todo o pobo dende unha visión multisectorial e transversal.

O acto principal do proxecto céntrase na estrea absoluta dunha composición musical elaborada ad hoc polo director e compositor local Manuel Alejandro López Pérez. Esta obra describirá de maneira sonora as emocións expresadas polo escritor M. Curros Enríquez nunha selección de poemas recollidos do poemario Aires da miña terra. Estes mostraranse cohesionados con textos do recoñecido escritor Baldo Ramos. Deste xeito, únense dende unha visión actual dúas manifestacións artísticas ligadas á historia de Celanova: a literatura e a música.
A formación escollida para a interpretación dos poemas musicados é a Banda de Música Municipal de Celanova e dous cantantes solistas (tenor e soprano), acompañados da Coral Polifónica Solpor e dun coro colaborativo con xente dos arredores, fomentando en todo momento a participación de colectivos da contorna. A maiores, algúns movementos da obra contarán coa participación da gaita galega con carácter solista (caso de “O gaiteiro de Penalta”) ou grupos de baile tradicional grazas á presenza do recoñecido grupo «Rebulir Cultura Tradicional».

As composicións permitirán ao espectador recorrer un arco da vella de emocións, dende o intimismo e tristeza contidos no poemas “Na morte da miña nai” e “Ai!” ata a ledicia de “Unha boda en Einibó”, pasando polo descubrimento de “A Virxe do Cristal” e as reivindicacións de “O Maio”. Todo este percorrido estará conducido por un narrador, que irá orientando ao espectador e guiándoo no transcurso do espectáculo.
Toda a información en : https://www.proxectoemocions.com/ JORGE:666590179.

SOURCE: Emocións, un camiño musical polas letras de Manuel Curros Enríquez