Celebrarase a primeira edición da Festa da Cervexa os vindeiros 8 e 9 de outubro.

A cervexa será protagonista en Verín

Verín converterase na capital da cervexa os vindeiros 8 e 9 de outubro coa celebracióna da primeira edición da Festa da Cervexa. Será un evento centrado nesta popular bebida que contará con máis de 20 variedades de cervexas nacionais e de importación, e que se complementará con varios restaurantes que mesturarán gastronomía galega e alemá, actuacións musicais de primeiro nivel e animación infantil.

«Coa situación sanitaria xa estabilizada», explicou o alcalde da localidade, Gerardo Seoane, «o Concello retoma con forza a súa axenda organizando eventos temáticos punteiros na súa materia e sempre de gran calidade. Os máis de 1300 asistentes ao último Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV, ou as apenas 15 butacas dispoñibles – das máis de 300 vendidas – para as Xornadas de Novela Histórica -que terán lugar esta fin de semana- demostran que é o momento ofrecer á cidadanía un programación estable e de calidade para volver posicionar a nosa vila como o que era antes da pandemia, un referente no eido cultural e de lecer».

O evento terá lugar na nova zona verde da Preguiza e contará cunha carpa de 20×80 metros, dun aforo de 450 persoas, na que estarán colocados os postos de bebidas e alimentación. Os asistentes poderán sentarse en mesas colocadas dentro da carpa e haberá corredoiros habilitados para poder adquirir os produtos sen aglomeracións e respectando as medidas de prevención anticovid-19 vixentes nestes momentos. O horario da feira será o venres de 19 a 23 horas e o sábado de 12 a 16 e de 19 a 23 horas.

Segundo explicou Manuel Lorenzo Feijoo, concelleiro de Transportes, Balnearios e Feiras, serán máis dunha vintena as variedades de cervexa, tanto nacionais como internacionais, as que se poderán degustar nas casetas da festa. «Contaremos cunha zona de expositores reunindo a tanto ás primeiras marcas cervexeiras nacionais como a unha importante representación dos mellores produtos de importación dispoñibles actualmente no mercado».

«En canto á oferta gastronómica», continuou Manuel Lorenzo, « instalaranse un total de seis postos de comida que ofrecerán aos asistentes pratos tradicionais galegos como polbo, xamón, embutidos, churrasco, empanada, polos asados e crepes salgados e doces así como tamén produtos alemáns como as típicas salchichas ao mais puro estilo Frankfurt».

«Ademais», finalizou a concelleira de Festexos, Emilia Somoza, «a cita contará con amenización musical en directo dentro e fora da carpa». O venres e o sábado, en horario de tarde, actuará a charanga local Fuego Street Band. O domingo, tamén dentro da programación da feira, a Banda de gaitas Nova Era amenizará as calles da vila cun pasarúas para trasladar a Feira aos locais hosteleiros. Os grupos Mitic e Ortiga serán os pratos fortes musicais programados para as noites da Feira. «Tampouco nos esquecemos dos mais pequenos da casa que contarán con divertidos inchables durante as dúas xornadas».

Actuacións musicais
Os pratos fortes musicais terán lugar ás noites, ás 23:30 horas, con dous actuacións musicais de primeiro nivel. As entradas para ambas actuacións estarán dispoñibles a través de ataquilla.com.

O venres actuará de ORTIGA, proxecto en solitario no que Rizo traerá as súas chichas, as súas melodías pop, a súa querenza verbenera e esa inapelable destreza para crear un imaxinario sonoro no que conviven Rubén Blades, orquéstraa Panorama, Metallica, Bad Bunny, a Miami Sound Machine, Omar Souleyman ou o xitano, a cabra e a trompeta.

O sábado será a quenda de MITIC que presentarán o seu novo proxecto de expansión do instrumento máis emblemático da nosa terra, A Gaita, a través dun espectáculo musical único, orixinal e pioneiro. Dirixido e producido polos recoñecidos músicos vigueses Álvaro e Suso Costas, este espectáculo é capaz de sorprender e emocionar a todos os públicos, especialmente a todos os que NON son afeccionados nin á gaita, nin á música celta ou de raíz.

SOURCE: I Festa da Cervexa de Verín