Este venres, 19 de novembro, ás 20.30h.

Sarabela trae ‘A lingua das bolboretas’ ao Auditorio de Ourense

O Auditorio municipal de Ourense acollerá este venres, día 19 de novembro, a representación da obra de teatro A lingua das bolboretas, da compañía ourensá Sarabela Teatro. Será ás 20.30 horas e as entradas, desde 8 euros poden adquirirse na páxina web de ataquilla.com.

Sarabela teatro adapta nesta montaxe a obra orixinal de Manuel Rivas, con dirección e dramaturxia de Gonçalo Guerreiro, versión de Fernando Dacosta, e cun elenco formado por Elena Seijo, Josiño Porto, César Goldi, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja.
Como explica a propia compañía Sarabela, “a través da entrañable relación que manteñen o mestre, don Gregorio, e o neno, Pardal, vaise descubrindo a historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido, pero tamén a historia do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas”. O proceso de aprendizaxe que emprende o rapaz da man do mestre da escola -unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento- é testemuña tamén da traxedia que supón vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

Volver a Rivas é, para Sarabela, un regreso a un dos seus autores «fetiche». É, dalgún xeito, volver a casa”, asegura a compañía ourensá. Desde a chegada ao novo milenio, será esta a cuarta colaboración da compañía co autor: O lapis do carpinteiro (2000), O heroe (2005) e Os libros arden mal (2007) –esta última foi unha lectura dramatizada-, foron as anteriores.
Con A lingua das bolboretas celébrase o 40 aniversario da compañía Sarabela. Foi a grande vencedora dos XXV Premios de Teatro María Casares: mellor espectáculo, mellor adaptación / tradución -Fernando Dacosta e Gonçalo Guerreiro-, mellor actor secundario -Fran Lareu- e mellor director -Gonçalo Guerreiro-.

SOURCE: A lingua das bolboretas