Terá lugar na Praza García Barbón de Verín entre os días 4 e 8 de decembro, en horario de 12 a 22:00 horas.

Feira de Nadal de Verín

Un total de vinte postos temáticos de artesanía e alimentación, animación musical diaria e actividades para os máis pequenos da casa. Así será a programación da próxima feira de Nadal organizada polo Concello de Verín entre os días 4 e 8 de decembro na Praza García Barbón.

A programación oficial foi presentada esta mañá no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín polo concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería, Manuel Lorenzo Feijóo e pola concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza Basalo.

Segundo destacou Manuel Feijóo, «instalaranse na feira un total de vinte postos temáticos que contarán cunha completa e variada oferta de produtos de artesanía e alimentación, sen esquecernos tampouco do xénero máis típico de nadal como son os agasallos artesáns, a decoración variada ou as típicas figuras para a árbore».

Unha das novidades desta Feira será a animación musical diaria. «Para esta edición preparamos unha selección musical moi especial, e fixémolo contando co talento dos nosos propios veciños e veciñas», explicou Emilia Somoza. Para iso instalarase un pequeno escenario no centro da Praza García Barbón no que os asistentes poderán desfrutar coas actuacións de Vitoria Pérez & David Rodríguez, Nerea Xusto, Coral de Verín, Cuarteto Nova Era, Conservatorio de Musica de Verín e da actuación de Todo Fitness.

Tamén haberá un espazo dedicado aos máis pequenos da casa que recibirán a visita de dúas das figuras máis tradicionais do Nadal, como son o Apalpador e Papa Noel. Tamén, desde o luns 6 ao mércores 8 decembro, haberá un servizo de ludoteca infantil no que os nenos e nenas poderán gozar de divertidas actividades lúdicas.

Programación
Sábado, 4 de decembro
12:00 Apertura da feira
17.30 Vista do Papá Noel
18.30 Concerto Victoria Pérez & David Rodríguez
22:00 Peche da feira

Domingo, 5 de decembro
12:00 Apertura da feira
17.30 Visita do Apalpador
18.30 Concerto de Nerea Justo
22:00 Peche da feira

Luns, 6 de decembro
12:00 Apertura da feira
19.00 Concerto Cuarteto Nova Era
22:00 Peche da feira
Ludoteca infantil 12:00 a 14:00h | 16:00 a 20:00h

Martes, 7 de decembro
12:00 Apertura da feira
18.30 Concerto Coral de Verín
22:00 Peche da feira
Ludoteca infantil 12:00 a 14:00h | 16:00 a 20:00h

Mércores, 8 de decembro
12:00 Apertura da feira
17:30 Actuación Todo Fittness
18.30 Concerto Conservatorio
22:00 Peche da feira
Ludoteca infantil 12:00 a 14:00h | 16:00 a 20:00h.

SOURCE: Feira Nadal, Verín