Foi inaugurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O albergue de peregrinos de Oseira conta con 42 camas

Tras un investimento dun millón de euros o albergue de peregrinos do Mosteiro de Oseira ofertará 42 prazas, que se suman ao obxectivo de poñer a disposición dos peregrinos da Vía da Prata, antes de Semana Santa, un total de 74. Deste xeito, coa incorporación deste albergue, máis o de Piñor e Riós, serán 16 edificios os que integren esta ruta, chegando ás case 520 prazas públicas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao novo albergue de peregrinos do Mosteiro de Santa María a Real de Oseira como exemplo da aposta polo patrimonio e o Camiño de Santiago, cunha Rede pública de albergues que rematará este 2022 con 78 centros.

Nesta mesma liña, resaltou que os fondos europeos de recuperación, ademais de axudar a trazar a Galicia do futuro no eido da industria e a innovación, axudarán a impulsar o turismo, cun Plan Xacobeo Next Generation dotado con máis de 39 millóns de euros. “E dentro deste plan, Ourense xogará un papel importante, co fin de converter o Camiño Mozárabe-Vía da Prata en destino cicloturista e familiar”, precisou, referíndose tamén á recuperación da Fortaleza de Monterrei, Ben de Interese Cultural ao que se destinarán de 14 millóns.

SOURCE: Albergue peregrinos Oseira