Presentou o libro no Museo da Casa Patrón de Lalín.

Sae á luz «Historias no fumeiro», de Avelino Jácome

Nos extreriores do Museo Casa do Patrón de Lalín, nunha mañá primaveral, tivo lugar o acto de presentación do libro «Historias no fumeiro», de Avelino Jácome. A obra foi finzanciada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Encargáronse da presentación o propio autor, ademais de Manuel Blanco Villar, xerente do Museo; Javier Enériz, crítico literario; Miguel A. Martínez Coello, pintor autor das láminas do libro; Rafael Quintía, antropólogo e autor do prólogo; e María del Carmen Canda Larroy, concelleira de sanidade de Lalín, ante a presencia de máis dun cento de veciños e amigos de Avelino e da Casa do Patrón.

Este escritor e poeta en galego e castelán, e activista cultural afincado en Ourense, director comercial de Orixe Publicidade e Comunicación, colaborador dos periódicos «Diario Atlántico» e «Ourense por Barrios» e director da revista «Nós, a xente do redor», nado en Caracas (Venezuela) no ano 1963, fillo de emigrantes lalinenses das parroquias lalinenses de Vilanova e Botos, constata nesta obra a súa enorme capacidade de expresar dun xeito maxistral os máis profundos e nobres sentimentos nunha auténtica oda á terra que o veu medrar, ao seu pai, a súa familia, veciños e amigos, pero sobre todo, ao enigmático e idílico mundo rural galego, ateigado de historia, cultura, beleza, sabedoría e espiritualidade, transmitidas de xeración en xeración a través da estela luminosa que vai deixando cada un dos seus habitantes.

Avelino, amósanos neste libro a visión ampla e global que ten do mundo un neno de aldea, pobre, e por enriba orfo de nai, dende a tristura e a saudade orixinada pola da lacra da emigración, que tanta dor ten causado na nosa terra; pero tamén se erixe nun canto á esperanza, ao afán de superación e ao espírito de loita necesarios para “tirar do carro” e saír cara adiante de semellante situación. Sen dúbida, un exemplo a seguir nos complicados momentos que agora nos toca vivir.

Porque os nenos criados na aldea están dotados dunha prodixiosa imaxinación, dun sexto sentido e dun espírito indomable, xa que gozamos da oportunidade única de coñecer dende cativos a natureza en todo o seu esplendor a través da inusitada beleza das árbores, dos campos alfombrados de flores, dos ríos, do voo libre dos paxaros, da calor do sol, da choiva, da neve, da praia e tamén da impoñente forza do mar, do vento, da neve, da sarabia e os demais fenómenos acontecidos nos longos invernos das carballeiras galegas.

O autor utiliza unha intencionada mestura de historias reais da súa infancia, con lendas, contos e imaxinacións produto da súa inmensa creatividade, mantendo un constante e sutil equilibrio entre a vida e a morte, o material e o espiritual, o corpo e o espírito, o mundo real e o metafísico, o plano terreal e o celestial, recordándonos o noso fugaz transo por esta vida con destino ao alén, cara onde inevitablemente todos camiñamos.

A beleza literaria do libro complétase, nunha perfecta simbiose, cunha gran cantidade de láminas do xenial mestre ourensán da pintura Miguel Ángel Martínez Coello, enchendo de vida e colorido cada unha das historias, achegándonos máis, se cabe, a súa auténtica realidade e facéndonos partícipes da mesma.

SOURCE: Historias no fumeiro