Un total de 28 maios estarán expostos ao longo da rúa do Paseo, Padre Feijoo e Lamas Carvajal.

A Festa dos Maios de Ourense con xogos populares, exposición, canto de coplas e concerto de Treixadura

O Concello de Ourense celebra este domingo, 1 de maio, unha nova edición da Festa dos Maios, con xogos populares, exposicións de maios, canto de coplas, ruada e un concerto a cargo do grupo Treixadura.
En total hai 28 maios participantes, que se agrupan en 10 tradicionais, 7 artísticos, 4 creativos e 7 infantís.

Celebrada o primeiro domingo do mes de maio, esta festa anuncia o esplendor das flores e a despedida do cru inverno. De orixe incerta, o rito celébrase desde tempos moi remotos en varios lugares de Galicia, aínda que en Ourense ten unha carácter destacado e singular. Desde as 11:00 da mañá, as esculturas vexetais realizadas a man con musgo, flores e carrabouxos ocuparán toda a rúa do Paseo exhibindo as súas formas, tradicionais (piramidais) ou artísticas. Estas figuras ou maios estarán acompañados sempre do canto das coplas: versos satíricos sobre a actualidade política e social que a tradición manda vender a cambio dun aguinaldo.

Xa desde o mediodía, un desfile de cabezudos acompañados con música de gaiteiros amenizará a xornada festiva mentres os xurados valoran aos participantes (repartiranse 15.000 € en premios), que se prolongará pola tarde coa entrega de premios e o canto das coplas finalistas nos Xardíns de Padre Feijoo ás 18:30 e unha actuación do grupo de música tradicional, Treixadura a continuación.

Programación
– 11 a 14 horas. Xogos populares nos Xardíns Padre Feijoo.
– 11 horas. Exposición de Maios pola rúa do Paseo, Padre Feijoo e Lamas Carvajal.
– 12 horas. Canto de coplas ao pé do Maio diante do xurado. Ruada cos cabezudos e música tradicional.
– 18.30 horas. Entrega de premios co canto das mellores coplas e a continuación concerto de Treixadura, un dos mellores grupos de música tracional galega. Será na praza Maior (comezará sobre as 19.30 aproximadamente).

SOURCE: Maios Ourense 2022