A proba raíña do piragüismo en Galicia disputarase este domingo, 12 de xuño.

O Descenso do Miño cumpre 53 edicións

O Descenso Internacional do Miño cumpre 53 edicións cun récord de participación: con máis de 440 piragüistas e máis de 350 embarcacións que participarán nesta espectacular proba deportiva.

A proba raíña do piragüismo en Galicia disputarase este domingo, 12 de xuño, durante 17 quilómetros polo cauce do río Miño, con dúas saídas a partires das 11:30 horas: de Os Peares e Barra de Miño, e chegada á Batundeira, en Velle. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes e presidente do CMD, Mario Guede, participaron na presentación dunha das probas deportivas con maior tradición e prestixio do Noroeste da Península.

A proba está organizada pola Federación Galega de Piragüismo, coa colaboración do Club de Piragüismo de Ourense e os concellos de Ourense, Coles, Nogueira de Ramuín e A Peroxa e o patrocinio do CMD.

O presidente da Federación, Fredi Bea destacou que “entre todos estamos traballando para facer de Ourense o referente do noso deporte porque ten as mellores láminas de auga de toda Europa”, destacando que o piragüismo é o deporte máis laureado da historia de Galicia, con 8 medallas olímpicas.

Pola súa banda, o alcalde, Gonzalo Jácome, destacou o atractivo e a tradición desta competición deportiva que constitúe, xunto co Rallye, a antesala das festas de Ourense. O concelleiro de Deportes, e presidente do CMD, Mario Guede, recalcou o carácter internacional “dunha proba en 53 anos de historia que está plenamente consolidada”.

SOURCE: Descenso Miño