Esta medida cumpre un ano desde a súa posta en funcionamento en toda Galicia.

Tarxeta Xente Nova: 112.000 usuarios menores de 21 anos viaxan de balde por toda Galicia

A Tarxeta Xente Nova permitiu xa viaxar gratis en autobuses interurbanos a 112.000 mozos menores de 21 anos. Desde a súa posta en marcha as familias dos mozos beneficiarios levan aforrado máis de 14 millóns de euros. En 2016 creouse, primeiro, beneficiando a menores das áreas de transporte metropolitano. Xa en xaneiro de 2020 ampliouse aos menores de 21 anos. Posteriormente, en xuño dese mesmo ano, ampliouse á provincia de Ourense e a 13 concellos da área de Pontevedra. E xa, en maio do ano pasado, 2021, chegou a toda Galicia sendo a única Comunidade que ofrece esta posibilidade. Ademais, a tarxeta tamén é válida en Vigo no transporte da ría e no tren de vía estreita da comarca de Ferrol.

É tal o éxito desta iniciativa que as familias dos mozos beneficiarios levan aforrado desde a súa posta en marcha máis de 14 millóns de euros, como exemplo, un rapaz de Noia que viaxe todos os días en bus á Universidade de Santiago durante o curso, aforrará arredor de 1.200 euros. Por iso, a Administración autonómica, destinará este ano 7 millóns de euros para dar este servizo.

Plataforma móbil
Desde a Xunta traballan para que no vindeiro curso académico estea posta en marcha a plataforma móbil para facilitar o uso da Xente Nova, sen necesidade de activar a tarxeta moedeiro nin de adiantar os cartos. O compromiso pola mobilidade sostible é un compromiso do Goberno galego de cara a un futuro con menos emisións, favorecendo o uso do transporte público para ter, cada vez máis, unhas cidades e vilas con menos tráfico, ruído e atascos.

Renovación
A aposta da Xunta polo transporte público é clara e está reflectida na renovación das 3.400 liñas de autobús, multiplicando rutas, paradas e horarios, e incorporando servizos a demanda e buses escolares compartidos destinando un orzamento anual de 80 millóns de euros, tamén se reflicte nos máis de 200 quilómetros de sendas peonís, nas que se levan investidos 50 millóns.

A Tarxeta
Trátase dunha iniciativa social no que a Xunta fomenta o transporte público e que se puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano da Coruña, Lugo, Ferrol, Santiago e Vigo para permitir a gratuidade no transporte público aos menores de 19 anos. No mes de xaneiro de 2020, ampliouse a cobertura ata os menores de 21 anos e, desde o 15 de xuño dese mesmo ano, a Xunta activouna nos 92 concello da provincia de Ourense, ademais de en 13 municipios da área de Pontevedra (A Lama, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa). Dende o 21 de maio do ano 2021, este sistema de bonificacións estendeuse aos transportes interurbanos de toda Galicia, sendo a resposta moi positiva por parte dos beneficiarios.

No mes de maio de 2022 cumpriuse un ano da posta en servizo deste proxecto en toda a comunidade galega, coa vista posta nas melloras que se potenciarán a partires do vindeiro curso escolar posto que a Xunta traballa nun novo sistema de funcionamento da tarxeta Xente Nova co obxectivo de habilitar unha plataforma móbil que permita aos mozos e mozas galegos un uso directo da tarxeta dende os seus propios terminais móbiles sen necesidade de recargas nin adiantos.

A tarxeta Xente Nova pódese solicitar en 213 oficinas de Abanca habilitadas nas 4 provincias.
Dende o comezo da vixencia no ano 2016, máis de 112.000 mozos galegos téñense beneficiado de bonificacións coa tarxeta Xente Nova.
Desde a extensión da tarxeta Xente Nova a todo o territorio galego, o número de mozos menores de 21 anos que quixeron facerse co seu dispositivo de transporte gratuíto superou ás 32.000 expedicións, o que supón un incremento do 40% neste último ano.

SOURCE: Tarxeta Xente Nova