Celebrarase do 1 ao 5 de agosto, de 19 a 21 horas, na praza Maior e na Veracruz.

A Semana Grande para Pequenos activa as actividades da Festa do Pulpo do Carballiño

A Festa do Pulpo do Carballiño medra cada ano que pasa, ao mesmo tempo que o fai o interese da programación cultural que a acompaña. Estréase este ano a declaración de interese turístico internacional e a Semana Grande para Pequenos inaugurará os festexos. Do 1 ao 5 de agosto ofreceranse actividades en dous escenarios: de luns a xoves na praza Maior e o venres na praza Veracruz. Será en horario de 19 a 21 horas e nesta edición agárdase un éxito de participación, xa que a acollida por parte das familias vai en aumento.

O programa foi presentado no salón de plenos da Casa Consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado por Hugo Suárez, representante de empresa Avatel Telecom, operadora de fibra óptica.
O edil anunciou que haberá inchables, obradoiros, maxia e música, entre outras propostas. Ademais, programouse unha festa da escuma para a última xornada. Tamén subliñou que “a Semana Grande para Pequenos colleitou un gran éxito nos últimos anos e así será nesta nova edición”. Fernández tamén agradeceu á empresa a súa colaboración para que os nenos e nenas poidan participar nun amplo programa de actividades.

Programa:
Luns, 1 de agosto: Inchable, obradoiro.
Martes, 2 de agosto: Inchable, coches a pedais, mini obradoiro.
Mércores, 3 de agosto: Obradoiro de maxia.
Xoves, 4 de agosto: Inchable, obradoiro.
Venres, 5 de agosto: Festa da escuma.

SOURCE: Semana grande dos pequenos