Do 5 ao 7 de agosto.

Arnoia celebra a 43ª Festa do Pemento

O concello de Arnoia celebra na primeira fin de semana de agosto a 43ª Festa do Pemento, que recupera o seu tradicional formato logo do remate das restricións impostas pola pandemia. Unha cita co selo de Interese Turístico Galego que foi presentada no Pazo Provincial coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde, Rodrigo Aparicio; a tenente alcalde, Purificación Domínguez; o edil Francisco Javier Sánchez; o organizador da concentración de vehículos clásicos enmarcada nesta festa, José Manuel Martínez, e o vicepresidente segundo da Deputación e responsable dos asuntos de cooperación cos municipios do Ribeiro, César Fernández.

“Todo un clásico no carrusel de festas gastronómicas no que se convirte a nosa provincia durante o mes de agosto”, asegurou Manuel Baltar na súa intervención, que felicitou ao concello “non só por manter viva esta festa, senón por potenciala”. O presidente do goberno provincial referendou o apoio da Deputación “a todas aquelas actividades que poñan en valor un dos produtos senlleiros da nosa gastronomía, sen dúbida un reclamo e un atractivo turístico para un concello que o ten todo, incluíndo a Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Arnoia”.

Rodrigo Aparicio destacou a implicación das institucións -Deputación, Inorde e Turismo de Galicia, ademais de entidades privadas-, “pero sobre todo a importantísima colaboración veciñal que se mantén desde os inicios desta festa nos anos 80”. Así, explicou, preto de 150 persoas participan na organización, divididas en cinco quendas, “para facer posible unha celebración que aspiramos a que sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional”. Un obxectivo para o que se precisa “seguir loitando por manter unha produción que se reduciu notablemente nas últimas décadas”, advertiu o alcalde.

Purificación Domínguez explicou a programación dunha festa que do 5 ao 7 de agosto non só ofrecerá a degustación de máis de 3.000 quilos de pementos en diversas preparacións, senón que tamén inclúe outras actividades como a mencionada concentración de vehículos clásicos, deportes, actividades infantís e música. Ademais, sinalou a tenente alcalde, recupérase o festival de pandeireteiras Arnoia Viva, “que permite conservar o falar dos nosos devanceiros a través da música tradicional, homenaxeando este ano a Rosa de Moscoso, pioneira nesta tarefa de recuperación das nosas cantigas”.

SOURCE: Festa do Pemento Arnoia