A iniciativa celebrarase os días 26, 27 e 28 de agosto.

Feira do Comercio Local de Xinzo de Limia

Do 26 ao 28 de agosto, o Concello de Xinzo de Limia promove a segunda edición da Feira do Comercio Local, iniciativa que pretende dar pulo ao economía local.

Durante o acto de presentación, a alcaldesa da localidade, Elvira Lama lembrou que a primeira edición, celebrada no 2021, foi todo un éxito e agárdase que se repita este ano. “Con esa perspectiva xurde esta campaña, co apoio do Concello de Xinzo de Limia. Pensamos que é un pulo para un sector que está tocado, tanto pola pandemia como por outros factores como a compra a través de Internet. Hai que apostar polo noso comercio, que é apostar por crear emprego na nosa vila. Sen o comercio local en Xinzo de Limia perdemos vida. O de Xinzo pode ofertar de todo e o mellor. Esta é unha aposta decidida pola nosa economía”.

Nesta mesma liña se pronunciou Amador Díaz, insistindo en que a unión fai a forza: “Animo a esa directiva para que a terceira e as seguintes edicións sexan tamén un éxito rotundo e nunha zona onde somos a despensa dos concellos do entorno”. O concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, asegurou que o Concello seguirá apoiando as iniciativas de Prolimia para apostar polo comercio local: “Nós escoitamos e colaboramos, incluso por riba das nosas posibilidades”.

A presidenta de Prolimia, Concepción Conde, agradeceu ás Administracións o seu apoio para organizar a feira: “O Concello axúdanos moito, tanto economicamente como con facilidades. Todas as institucións responden con nós. Queremos mostrar a nosa unión, pois todos xuntos imos adiante”.

Programación
A programación comezará o venres 26 de agosto coa inauguración, prevista para as 12 horas. Seguidamente ofrecerase unha degustación de produtos aportados por establecementos da comarca. Pola tarde, a partir das 18 horas, haberá un taller de barro e un bingo no que se poderá participar cos cartóns que se repartirán nos expositores ao realizar as compras.
O sábado 27 de agosto as portas da feira abriranse as 10 horas e haberá unha sesión vermú con música. A tarde seguirá co bingo ata o peche, previsto para as 22 horas.
O último día da feira, o 28 de agosto, repetirase en horario de mañá a programación do sábado. Pola tarde haberá tamén un obradoiro e prevese que ás 20 horas se celebre un sorteo. A maiores, durante os días da feira ofreceranse actividades as máis pequenos e de promoción do comercio local.

SOURCE: Feira do comercio local