A Subdelegación acolleu a reunión para a súa coordinación.

Medidas de control de entrada da uva foránea

O subdelegado do Goberno, Emilio González, máis o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, xunto con membros dos forzos e corpos de seguridade do Estado e responsables das denominacións de orixe ourensás mantiveron unha xuntanza co obxecto de coordinar os recursos dos Gobernos central e autonómico para o control do transporte de uva e de mosto en estrada na provincia de Ourense nestas datas de vendima e evitar, así, situacións fraudulentas que se poidan producir coa entrada de uva foránea.

Trátase de verificar o cumprimento da normativa europea, nacional e autonómica relativa ao transporte destes produtos vitivinícolas e establecer criterios de coordinación entre as distintas administracións e consellos reguladores para o control de entrada de uva foránea; e nos que se vén traballando de xeito permanente con intercambio de información.

O delegado territorial informou que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou xa, por cuarto ano consecutivo, os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia.

Plan de control da Xunta
O Plan de control da Xunta ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe, asegurando e preservando a calidade dos seus viños. Dentro das accións enmarcadas neste plan, xa deu comezou o control de parcelas, transporte.

Para o control, cóntase cun equipo -idéntico ás últimas campañas- formado por 15 persoas, das cales 12 son inspectores de campo e tres técnicos. Este programa púxose en marcha en coordinación con tódolos consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei).

No ano 2021 os inspectores realizaron o control sobre 4.705 parcelas, que corresponden a un total de 446 viticultores, así como a 116 adegas das diferentes denominacións. Así, este ano faranse inspeccións a viticultores, a adegas, en transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de acopio, controis de aforos e vixilancias nocturnas e diúrnas.

Unha parte moi importante do control lévase a cabo durante a vendima con fin de verificar a entrada da uva nas adegas, a súa procedencia e a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades de uva de cada DO. Tamén se estimará a posible colleita para así ter información detallada e poder cotexar coa produción real que se entrega en adega.

Así mesmo, realizaranse controis terrestres de uva nas proximidades das adegas e nas vías de comunicación na contorna das parcelas de vendima. Tamén se controlarán os centros de acopio ou postos de compra-venda de uva que poidan existir no ámbito xeográfico de actuación, garantindo que estean dados de alta no respectivo consello regulador. Unha vez rematado o período de inspeccións, cos datos recollidos realizaranse informes técnicos, estudos estatísticos e comparativas.

SOURCE: control entrada uva