Un ano despois da súa entrada en vigor.

A Lei de recuperación da terra agraria está mobilizando máis de 9.300 hectáreas en Galicia

Dende o 22 de maio de 2021, data na que entrou en vigor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia. De toda esta superficie, 8.788 hectáreas corresponden a polígonos agroforestais e 574 a aldeas modelo. Isto supón, que entre ambos instrumentos de recuperación estase a beneficiar a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.
O obxectivo destas iniciativas é recuperar espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona, e deste xeito, dinamizar o territorio e xerar actividade económica, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais.

Polígonos agroforestais
A comunidade xa conta con 21 polígonos agroforestais de iniciativa pública, dos cales 10 están xa iniciados (cunha recuperación de 4.114 ha) e 11 atópanse en fase de actuacións previas.
Así, os máis adiantados son os de Cualedro (con 64 hectáreas e unhas 72 parcelas de 70 propietarios) e Oímbra (preto de 22 hectáreas e unhas 72 parcelas de 73 propietarios), para os que xa se tramitou a declaración de utilidade pública. Nela establécense como usos e actividades admisibles para o polígono de Oímbra os cultivos agrícolas de ciclo curto e a gandaría en extensivo, ademais de árbores froiteiras como actividade secundaria. No caso de Cualedro, establécense como actividades a gandaría en extensivo e os cultivos complementarios.
Nos outros oito polígonos, téñense practicamente rematados os estudos de viabilidade, nos que se propoñen diferentes usos ou actividades para cada un deles, destacando os cultivos de horta, viñedo e forestal.
Ademais, hai outros 11 polígonos de iniciativa pública nos que se ten iniciado un procedemento de actuacións previas, os cales suman 4.674 hectáreas e 9.750 parcelas de máis de 5.000 (5.013) propietarios.

Vontade veciñal
Cómpre matizar que a Xunta busca desenvolver polígonos en zonas nas que exista vontade e interese por parte dos propietarios e da xente do lugar, xa que a Lei de recuperación establece como un tipo de zonas preferentes para o desenvolvemento de polígonos agroforestais de iniciativa pública aquelas nas que desde o inicio se conta co acordo dos propietarios de máis do 70% da superficie.
Ao abeiro dos polígonos, reestruturaranse as parcelas para que teñan un tamaño suficiente que garanta a rendibilidade en función dos cultivos, dando prioridade ás explotacións galegas instaladas que demanden base territorial.
Tamén, no caso dos polígonos agroforestais de iniciativa pública, serán zonas prioritarias aquelas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas que presenten un abandono superior ao 50%; as áreas cortalume, que se delimitarán con criterios técnicos co fin de xerar descontinuidades da biomasa que freen ou atenúen o avance dos incendios mediante a implantación da actividade agrícola, gandeira ou forestal; aquelas nas que se acredite a disposición de compromisos de adhesión ao proxecto, que deberán supoñer unha superficie mínima do 70% das terras incluídas no perímetro proposto do polígono agroforestal.

Polígonos de iniciativa privada
En abril do ano pasado, a Consellería do Medio Rural lanzou unha Manifestación de Interese na que se preguntaba expresamente pola necesidade de terra para o desenvolvemento das actividades agrarias.
A través desta convocatoria recibíronse un total de 1.244 enquisas simplificadas sobre demanda de terra agraria e 255 proxectos completos para o sector agrario galego. A partir dos datos incluídos nestas propostas puidéronse xeolocalizar 991 solicitantes e 21.321,7 ha delimitadas xeograficamente. Neste senso, cabe sinalar que un total de 34 iniciativas amosaron interese por desenvolver polígonos agroforestais de iniciativa privada, que supoñen máis de 1.300 hectáreas a mobilizar.

Aldeas modelo
Outro instrumento de mobilización e recuperación de terras que ofrece a Lei de recuperación son as aldeas modelo. As tres novas aldeas modelo, declaradas recentemente, están localizadas en Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso; Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión; e Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames.
Estas novas aldeas modelo decláranse en colaboración cos concellos correspondentes, todos eles situados en zonas de alto risco de incendios (ZAR) e adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Súmanse ás xa en marcha e que fan un total de 21.
O motivo desta figura é devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización, axudando, ademais, a reducir o risco de incendios forestais e a mellorar a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.

SOURCE: Lei recuperación terra agraria