A tempada estival remata cun bo sabor de boca.

Preto de 5.000 turistas elexiron Allariz

A oficina de Información Turística de Allariz, atendeu o pasado mes de setembro un total de 4.846 visitantes que xunto cos datos da primeira quincena de outubro completan a tempada de verán, cun total de 22.100 persoas, as cales pasaron polas instalacións municipais, datos que confirman dabondo a recuperación no eido do turismo.

O turismo nacional foi o 90,67% do total, sendo o turismo internacional dun 9,33 % destacando America do Norte, Portugal e Francia. En canto a procedencia dos visitantes, Galicia é a principal orixe, seguida por Madrid, Andalucía, Castela-León País Vasco e Cataluña.

Patrimonio principalmente, natureza e a rede comercial e hostaleira, así coma o calendario de eventos que se leva a cabo en Allariz durante todo o ano son, entre outros, os atractivos por excelencia que fan de Allariz un destino turístico consolidado e referente en Galicia.

Por outra, banda as visitas guiadas ao Casco Histórico de Allariz, que se realizaron todos os domingos dende o 15 de xullo ata final de verán, tiveron unha boa acollida entre os visitantes cubrindo o aforo en case todas as quendas.
En canto a outro recurso fundamental para a tempada en Allariz, coma é o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, ata o mes de setembro levaba máis de 30.000 visitas.

A tempada estival rematou coincidindo ca celebración das XI Xornadas de Carne de Boi de Allariz, as cales tiveron gran afluencia de público durante os 13 días de duración. Allariz entra agora na recta final do ano, retomando eventos tan importantes como son o Allariz de Medo que se celebrará os días 28, 29, 30 e 31 de outubro e 1 de novembro, a Feira de Outono que será os días 12 e 13 de novembro e a xa coñecida e orixinal campaña de Nadal a partir do día 2 de decembro.

SOURCE: Turismo en Allariz