Celébrase este sábado a primeira Xornada da Liga Galega de Figuras e a disputa das Rutinas Técnicas.

A sincronizada galega cítase en Ourense

A piscina Rosario Dueñas acolle, este sábado 19 de novembro, a 1ª Xornada da Liga Galega de Figuras en categoría alevín – infantil e a Xornada de Rutinas Técnicas, en categoría júnior. Este evento, organizado pola Federación Galega de Natación (FEGAN) e polo Club Sincro Ourense, xuntará en Ourense 109 atletas de 7 clubs da nosa comunidade: C. Náutico de Vigo, C. Galaico Sincro, C.N. Rías Baixas, C. Sincro Ferrol, C.N. Sincro Pontevedra, Sporting Casino e as anfitrioas do C. Sincro Ourense. As organizadoras foron recibidas  polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

A de Ourense será a primeira cita na que se apliquen as novas regras da Federación Internacional de Natación (FINA), que pretenden levar a natación artística a un nivel máis técnico e obxectivo. Pero ademais contará coa presenza de Esther Jaumá, nadadora olímpica, ex adestradora da Selección española e actual técnica da Selección dos Países Baixos, que acudirá para apoiar a nova xeración de nadadoras e para informar das novidades no regulamento da FINA.

As competicións celebraranse en horario de mañá (desde as 9.30 horas, Figuras alevín – infantil) e de tarde (con apertura de portas ás 16.30 horas), cando se disputen en modalidade de só, dúo e equipo técnico as rutinas para o Campionato de España de Natación, que se celebra o 26 de novembro en Madrid.
O evento está apoiado polo Concello de Ourense a través do Consello Municipal de Deportes, e a entrada é de balde.

SOURCE: Sincronizada