As Andrómenas e outros contos.

A Andromena das guerras dos medos

O medo apodérase de min esta tarde namentres escoito a choiva, agochadiño entre as mantas de liño da miña vella cama. Loitei desde neno co meu medo, o medo a ter medo, cando me miraban as vellas pantasmas desde o cadro do noso cuarto, na nosa casiña en Ribas do Asneiro, a espida parede revelábase inimiga hostil, mentres escondido entre as mantas coa cabeza tapada, pretendía conxurar as ameazas dos meus avós mortos, que me miraban con saña, a piques de descolgarse da parede.

O cadro coas suás figuriñas de ouro no marco, coas fotografías pintadas; aquelas miradas perdidas, aqueles traxes elegantes, sen engurras, antollábanseme elegancias de defuntos e o dourado do marco os esquinais do cadaleito de castiñeiro, vernizado e brillante, que lembraba no cuarto novo da outra casa, a que fose nosa casa ata a morte da avoa, que aínda asemellaba estár viva asexándome dende a parede, mirándome de esguello a percura dos meus ollos.
“A choiva, a escuridade e o medo, aliados contra min, apoiados no lento transcorrer do tempo cando o temor atenaza”.

A choiva, a escuridade e o medo, aliados contra min, apoiados no lento transcorrer do tempo cando o temor atenaza. O tempo é cruel, tiránico, caprichoso, déixase manexar polo medo. Mentres eu, angustiado, tremendo, permanecía aniñado, o son da agulla pequeniña do reloxo demorábase, as pingas de choiva estremecidas, entretíñanse co vento e eternizaban o seu encontro co cristal da miña xanela, a cámara lenta, non, mellor a cámara parada ou case que parada, como se define a lentitude do lento? ou como se vive o medo encerrado noutro medo maior, ese terror da infancia, arrastrado no vivir, como as cadeas que arrastra a vella pantasma que habita o castelo interior? E a certeza de que nada é seguro ou quizais a seguridade de que nada é certo; poida que o medo aliméntese das miñas inseguridades, poida que tente devorarme desde neno.

Hoxe escoito a choiva fóra, óioa espida terrible, asolagadora. E os espíritos do vello cadro berran, ouvean de novo, non temo esta vez por min, as voces que me asaltan agora, son as dos nenos da guerra, da guerra que non ten fin, os nenos sen casa, sen pai, sen risas. Os nenos viaxeiros obrigados, destronados, cansos. Nenos asaltados nos seus soños por bombas, por disparos, por prantos e por medo.
Pobriños meus anxiños! Como esconderán as súas cabeciñas entre as mantas que lles roubaron? e onde atoparán os cheiros da súa casa?

A choiva perversa da maldade humana, empápaos e esnaquízaos. O tempo non se move na súa memoria e cada noite rebéntalles os tímpanos, tápanse os oídos coas súas mans, pois non hai mantas que consolen a tristeza de partir.
Miñaxoia! Papá morreu matando e mamá mátase chorando de rabia e de desespero e tí o meu neno bonito, vas morrendo de medo, non coñezo o teu nome, nin vin a túa cariña, nin sequei as túas bagoas, pero coñézoche, seiche e coñézoche! porque che vin na choiva. Esa choiva túa e miña, tróuxome o teu medo esta tarde e feriume dentro, onde a dor magoa de verdade, xuntei as túas bagoas coas miñas, neno meu, fillo meu, neto meu… Quen me dese que calase a guerra! que sempre vivises en paz, Quen me dese!

Hoxe o meu medo e o teu medo son irmáns, son os medos dos orfos, son feridas abertas que sangran xuntas, escorregan agora as pingas no cristal; pingas vermellas, pingas do sangue emigrando do teu ollos á miña alma.
E no vello cadro da parede espida, ti tamen estás chorando papá, dende o outro lado estás chorando, porque ti es así, doce como os bicos das anduriñas no Asneiro e non podes aturar as inxustizas, choramos abrazados os dous, sofrindo polos inocentes eu dunha ourela do río e tí da outra.

Avelino Jácome

SOURCE: Andrómenas e outros contos