O prazo de inscrición rematará o 12 de xaneiro de 2023 ás 14 horas.

A Deputación de Ourense oferta 735 prazas para o programa EsquiOU 2023

Deputación de Ourense, en colaboración coa Estación de Montaña de Manzaneda, organiza unha nova edición do programa deportivo EsquiOU, que conta este ano con 735 prazas para os nenos nacidos entre o 1 de xaneiro do 2011 e o 31 de decembro do 2014. O total de prazas estará dividido en sete quendas de 105 prazas cada unha.

A duración da estancia é de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores e incluíndo aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e as demais actividades complementarias. O programa desenvolverase por quendas nas que se fai un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para lograr grupos máis homoxéneos.

A primeira quenda será do 23 ao 25 de xaneiro para as comarcas da Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda quenda, do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro, será para as comarcas do Ribeiro e O Carballiño; do 6 ao 8 de febreiro será a quenda para os nenos de Verín-Viana; do 13 ao 15 de febreiro para Valdeorras; do 20 ao 22 de febreiro para Ourense; do 27 ao 1 de marzo para Allariz-Maceda-A Limia; e finalmente do 6 ao 8 de marzo para Terra de Caldelas-Terra de Trives.

A inscrición no programa pódese realizar a partir de hoxe a través do correo electrónico esquiou@depourense.es, axuntando o formulario de inscrición do ano 2023 cuberto e unha fotocopia do DNI do participante. O prazo para presentar as solicitudes remata o día 12 de xaneiro de 2023 ás 14 horas. O prezo da estancia por participante será de 29 euros e a selección dos participantes farase por orde de inscrición. Se algún participante quedase sen praza na quenda que lle corresponde, pasaría a unha lista de agarda para ser inscrito no caso de quedar prazas baleiras noutras quendas.