O amarelo manterase nos novos autobuses do Concello de Ourense

Os 40 novos autobuses encargados polo Concello de Ourense manterán coma cor distintiva o amarelo, na mesma liña que tradicionalmente veñen tendo estes vehículos nos últimos anos. En palabras do rexedor, as cores máis utilizadas neste tipo de transporte son o amarelo, vermello ou verde, mais “optamos polo que xa tiñan os propios vehículos, unha cor que leva moitos anos e que os ourensáns xa recoñecen”.

O amarelo é unha cor destacada en cuestións de seguridade, ademais de levar como distintivo dos autobuses da cidade os últimos 15 anos aproximadamente. Tal e como explica o alcalde, “no caso de vehículos públicos, búscase unha cor rechamante, e que produzan alerta e chamen a atención, que é do que se trata desde o punto de vista do tráfico”.

Visita á fábrica de Isuzu de Estambul
Por outra banda, dous representantes municipais visitaron a fábrica de Isuzu de Estambul, para comprobar o estado dos 15 micro buses pedidos para a cidade de Ourense. O concelleiro Antonio Fernández, xunto cun técnico municipal desprazáronse esta semana á cidade turca de Estambul para visitar a fábrica de Isuzu en Europa, e comprobar in situ a fase de manufactura dos 15 micro buses encargados para a cidade de Ourense.

O pedido leva un retraso de 2 meses, debido á carencia de suministros internacionais, agudizado pola guerra en Ucraína. Agárdase a entrega de unidades a finais de marzo deste ano. En dúas semanas, un técnico do Concello deberá volver á fábrica de novo para validar a primeira unidade. Os gastos de desprazamento e aloxamento desde Madrid a Estambul, son asumidos a cargo da empresa fabricante.

Ademais destes micro ou mini buses, espérase tamén o suministro para dentro de dous meses –retrasado por causas semellantes ás anteriores-, do forte do pedido dos autobuses municipais: os 25 da empresa Unvi, de 11 e 12 metros de lonxitude, diésel e eléctricos, que supoñen o 80% da suma económica do concurso licitado e gañado polos ourensáns. Os autobuses encargados suman un total de 40 unidades.

As primeiras unidades dos buses locais probaranse a finais deste mes polas rúas de Ourense, nunha viaxe de proba onde irá “in situ” o alcalde.