Aos seus pés «Mestre Pachi» (LV Feira do Cocido de Lalín)

Unha mañá fría, en Ribas do Asneiro os carambelos penduran dos tellados, cargados de luciñas de cores, secouse a lama e as pedras ceibes outrora. Agora son escravas do chan e das rodeiras dos carros, as fochancas das pegadas das vacas cubertas de lazo semellan estrelas cando a raiadiña do sol do inverno pousa nelas, imos á feira de Lalín cunha grea de vacas. O pai afalándolle e eu a cabalo do Moro, o noso cabaliño chosco, que tamen carrexa os cestos de codesos para vender na feira.

Ao chegar agárdanos un rebumbio de porcos, cuxos, vacas e galiñas que enchen de balbordo o amencer xeado no Deza, tratantes e xente do común. Os primeiros son «señores do gando» deles depende o que custa unha vaca ou un cuxo e os outros son os que saben de verdade o que vale, cada cuxo, cada marrauciño, cada galiña e cada año. Saben das noites sen durmir, de estrarlle a corte, de aloumiñar e criar, e das perdas e da loita, os do común rezan para que empreñen e nazan con ben, e coidan das paridas, amántanas para que non se arrefríen, e fanlle caldeiradas de nabos e fariña de millo para que dean o mellor leite e choran cando morre algunha. «as vacas aínda que non teñan alma son a outra familia da casa», decía meu avó Amador.

Pouco a pouco cada un atopa o seu espazo na feira, enriba preto das tabernas as polbeiras, enfronte as vacas; e a dereita, os porcos e os años, preto da fonte.

O pai dame cinco pesos (é o que ten ser fillo dun tratante penso eu todo orgulloso) para mercar os doces na praza de Abastos, vou correndo, é o almorzo dos días de feira, devezo por eles, biscoitos recheos por dentro e pintados con mel, cadradiños e lenes coma «os bocadiños dos anxos» dixo a avoa, mastigando devagariño tiro cara o cine de Balado, vendo os postos de paso, o cine gustame tanto!

Na esquina un mozo limpa nos zapatos cunha caixa na acera e o sorriso na faciana. É un amigo do Suso, presentoumo o día que viñemos a ver a de vaqueros, «é amigo meu -dixóme- e ademais eche un artista». Delgadiño e cun paso raro, noto nel algo especial, caeme ben, sempre me caerá ben. Ese día coñecín a Carlos, Pachi, despois, e máis, este recordo ven a min dende un pasado lonxano, xa non sei nin se te chamas así querido artista, ou é o maxín dun neno pequeno, que te descubreu aquel día e se inventou un nome. Poida que sexa porque te me asemellaches a Roberto Carlos, non importa o teu nome, é Pachi, o noso Pachi!

Onte vin como Lalín se rendía a ti, vinte no alto do escenario abrazando a todos co teu aceno agarimoso, feliz, co sorriso de neno grande que nunca perdiches, o público cos faroliños acesos, xa sei cos mobiles, pero a min pareceume que tiñan avelaiñas nas mans para rendirche homenaxe, non puden erguer a miña, as bágoas encheronme os ollos coa emoción, coa ledicia, as avelaiñas dos camiños de Ribas do Asneiro tamen encheron as miñas meniñas. Vinte enriba do palco do Cruceiro en Vilanova, en Soutolongo, en Cristimil, en Lebozán, ou en Castro, en Gresande ou en Bermés, coma un deus en todas as verbenas, en todas as festas compartindo un abrazo, unha conversa ou unha cervexa.

Cantos namoramos ou fixemos as beiras coas túas cancions, si, túas, fixeches teus os éxitos de cada verán, «o bimbó» e «o chiringuito», a barbacoa e as outras e despois Dyango, ti sempre cantaches mellor que Dyango alomenos para min, «porqué es mejor querer y después perder…». Ti tamen sabes de perdas e perdedores, tamen tes no mirar algo do home do piano e moito dos divos de Elvis ou de Andrés Dobarro, e onte o mundo agarimoute no Cocido de Lalín, non pode haber mellor homenaxe que tres xeracions cantando contigo «Venecia sen ti». Estamos ben fachendosos Pachi, estamos namorados de ti, Venecia estará sen ti pero Lalín sempre vivirá en ti!

Inmenso! nun escenario grande que che se fixo pequeno, chaqueta vermella; e paixón na voz, humildade no xesto e xenerosidade na entrega, no máis alto, no Olimpo dos nosos. Fixechesnos tremer a todos co corazón encollido, coa tristeza de Venecia sen tí, nin Aznavour, o outro Carlos, o faría mellor.

E lembreime de faí uns anos, xusto antes da peste, cando nos acompañaches na primeira festa da escola de Vilanova, como bailamos contigo o amigo Jhoni, María, Lola, Celsiña, Alvaro, Pepe Varela, Manolo o da Casa do Patrón, a Bertiña e eu, ata Rogelio lle botou unha baila. Na segunda veu outro amigo noso Maxi (Maximino Míguez) grande tamén onde os haxa. Hoxe mentres escribo esto falamos por teléfono e díxome que as autoridades deberían nomearte Lalinense de honra e eu digo que ben o merecedes os dous.

Si, papá, se cadra pensabas que íame esquecer daquel ano. Luns da festa de Vilanova cando Pachi veu xantar aos Muíños, (despois de tocar a sesión vermú) como me ía esquecer, aínda vos vexo cantando a Rianxeira e mollando o «manguito» na cunca do viño, e dixechesme cando marchou, «na festa gozamos todos pero os artistas traballan para divertirnos por iso temos que respetalos; nunca o esquezas». Agora direiche que aprendín a respetalos a todos e aos loitadores coma Pachi a respetalos, a querelos e a admiralos.

Avelino Jácome