Cogomelos tralas treboadas do verán

Nunca chove a gusto de todos. Mentres produtores de viño, froita ou pataca miran ao ceo con incertidume e medo polas intensas chuvias que poden anegar campos e derramar froitos, os afeccionados aos cogomelos están de sorte tralas últimas semanas de chuvias intensas e treboadas contínuas.

A gran cantidade de auga caída e a temperatura suave tivo e ten como consecuencia a aparición de gran cantidade de especies fúnxicas nos campos e montes ourensáns. Porén, este final de primavera e inicio de verán tan chuvioso que tivemos iguala en moitas zonas a cantidade e calidade de cogomelos coa mellor das épocas do ano.

En Celanova, en xuño os micólogos non recordaban tanta cantidade e calidade de exemplares. Entre os comestibles destacan os Cantharellus cibarius, ou “cantarela”, caracterizado por unha coloración laranxa e olor afroitado que recorda ao melocotón, indicado para ensaladas, guarnicións ou sobremesas. Tamén aparecen distintas e aprezadas especies do xénero Boletus, con esponxa ou tubos na parte inferior do sombreiro (himenio), como edulis, reticulatus e incluso aereus, que protagonizan excelentes empanados ou guisos, pero non desmerecen o seu emprego nun licor ou nun biscoito.

Tamén aparecen especies comestibles como Agaricus macrosporus, campester ou Marasmius oreades, entre outras, e unha gran cantidade de cogomelos que carecen de valor gastronómico.

Recoñecemento
Os colectivos de divulgación lembran que o único recoñecemento válido dos cogomelos é o botánico ou científico. Os ditos populares para a identificación de especies son totalmente falsos, polo que hai que analizar as partes físicas dos exemplares atopados para saber que cogomelo é con independencia da estación do ano na que esteamos. Debemos coñecer o nome científico, en latín, para evitar confusións cos nomes populares, con marcado carácter local en moitos casos. As veces hai que empregar o microscopio para distinguir as especies.

Debemos coñecer os cogomelos comestibles que imos empregar nos fogóns pero tamén os tóxicos e incluso mortais (como o Amanita phalloides) que hai nos montes.

Dende o colectivo micolóxico de Celanova advirten que no mes de xuño apareceron exemplares de Amanita phalloides no mesmo hábitat que excelentes Boletus, a escasos centímetros uns dos outros, polo que hai que ter moita formación e máis precaución nas saídas ao monte, incluído o verán. A Amanita phalloides é un cogomelo bonito, ten un color verde oliva no sombreiro e lamelas e pé brancos, cun anel en forma de saia e unha volva na parte final do pé. Ten un olor agradable e incluso un sabor doce, que non nos fai sospeitar inicialmente da súa elevada toxicidade. Os efectos comezan a súa manifestación unha vez pasadas seis ou oito horas do consumo. As toxinas deste cogomelo afectan os órganos vitais e se o consumo foi elevado e non se recibe tratamento médico, as consecuencias poden ser fatais.

Alejandro Mínguez