Unha vintena de locais participa no “Barbadás a Bocados”

Celébrase os días 15 e 16 de setembro. Os prezos dos pinchos estarán entre os 2 e os 2,5 euros.

Co fin de dar impulso ao sector, o Concello de Barbadás organiza esta fin de semana (días 15 e 16 de setembro) a sexta edición do concurso de pinchos “Barbadás a Bocados”, que se consolida como proposta gastronómica de referencia na que aumentan ata 18 o número de establecementos participantes nesta campaña.

Establecementos
Os días 15 e 16 de setembro ofreceranse os petiscos en horario de 19.00 a 23.00 horas, se ben na panadería Alento tamén poderán degustarse en horario de mañá. O resto de participantes son: La Carabela, Claret´s Food, Oren Express, A Cova do Sabio, O Muiñeiro, Cacho Pizza, A Solaina, Brétema, Tarona, Wakanda, Estilo 46, O Bar dos Patos, O Chicote, As Catro ás, A Nova Farola, O Carrabouxo e Estambul Kebab. Os pinchos terán un prezo de entre 2 e 2,5 euros.

Os comensais deberán elixir o mellor pincho cubrindo a tarxeta de votación nun dos establecementos participantes e optarán así aos premios do sorteo: 6 cheques de 50 euros cada un para mercar no comercio local. A maiores da votación popular, un xurado profesional valorará cada unha das propostas tendo en conta a creatividade, preparación e calidade. Marga Pérez animou a todos os veciños e veciñas a probar as orixinais propostas gastronómicas e agárdase atraer aos de toda a comarca.

Ademais dos pinchos, por primeira vez o programa inclúe unha cata de aceites na que se darán a coñecer as diferentes variades. Será o venres, ás 18.30 horas no local social de Fonval. O sábado, para toda a familia haberá un obradoiro de cociña interxeracional no que se compartirán receitas elaboradas con produtos dos colaboradores no concurso de pinchos. Desenvolverase no mesmo horario e escenario que a cata.