Un Escape Room polo 8M

O Concello de Xinzo promoveo nos colexios.

A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Xinzo, en colaboración co CIM, organizan dentro da programación do Día Internacional polos Dereitos das Mulleres unha actividade destinada a sensibilizar sobre a igualdade de xénero e dar visibilidade ás mulleres en ámbitos tradicionalmente considerados masculinos.

A través do Escape Room «Elas» ponse a proba o inxenio e o coñecemento das persoas participantes, ao mesmo tempo que se lles achegan as historias e vivencias de mulleres que destacan en deportes históricamente asociados ao xénero masculino. A actividade lévase a cabo entre 85 nenas e nenos dos dous CEIP´S de Xinzo, co alumnado de 5º e 6º de primaria.

Esta iniciativa, financiada a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ten como obxectivo principal fomentar a reflexión entre as participantes sobre a importancia da igualdade e o rexeitamento dos estereotipos de xénero.

Coa Escape Room “Elas», a Concellería de Igualdade e o CIM de Xinzo reafirman o seu compromiso coa igualdade de xénero e coa prevención e loita contra as violencias machistas, ofrecendo unha oportunidade única para reflexionar e aprender sobre o papel das mulleres na sociedade actual entre o alumnado participante.