40 anos de #Estiloverino

Unha retrospectiva do modista ourensá se pode ver na Sala Valente ata o 25 de abril.

A Sala municipal José Ángel Valente e a rúa do Paseo (no treito que vai desde as Galerías Viacambre até a rúa da Concordia) acollen a exposición 40 anos de #Estilo Verino. O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome e o deseñador Roberto Verino inauguraron a mostra, organizada coa colaboración do concello, que se poderá visitar até o día 25 de abril. Ourense será así a derradeira parada en España na ruta dunha retrospectiva que conmemora os 40 anos da marca, e que visitou diferentes 9 cidades españolas, comezando en Verín no mes de xuño de 2022.

A exposición está composta por unha selección de fotos e vídeos que axudan a entender a esencia do #estiloverino: unha forma de entender a moda baseada en pezas de calidade que son fondos de armario e que son sempre un “musthave”. Dentro desta selección, atópanse imaxes de top models como Christie Turlington, Olatz, Helena Christensen e fotógrafos como Eloy Lozano, Paco Navarro, Jacques Oliveiral, Javier Salgas, Javier Márquez, entre outros.

Unha selección inédita para a cidade de Ourense
Na cidade de Ourense o visitante poderá visitar un percorrido único a través de 10 tótems dispostos na rúa do Paseo no que se ve a retrospectiva polas 10 cidades nas que estivo: Verín, A Coruña, Santiago, Oviedo, Burgos, Santander, Valencia, Madrid, Sevilla e Barcelona. “En todas elas deixamos unha impronta única na que tentamos proxectar o noso #estiloverino”, indicou o deseñador.

De Verín tomou o seu nome, pero tamén é o lugar que escolleu para construir unha industria textil coa que chegou a converterse no segundo español (despois de Balenciaga) en abrir unha tenda en París, a vender nunha vintena de países ou a ser un dos referentes do exitoso grupo de deseñadores de Galicia Moda.

A relación entre moda e arte é un vínculo bidireccional. Un camiño de dobre sentido baseado nunha mútua influencia e que parte dun necesario proceso creativo. Unha dialéctica que sempre tivo moi presente Roberto Verino “a moda é un elemento impulsor da arte en si mesmo e esta mostra é boa proba disto”.