Cartas desde Copenhague

A primavera chegou a Copenhague, o que significa que aínda fai frío.

Se se che ocorre queixarte do clima danés, moi probablemente, os aldeáns responderanche cun sonoro: «Non é o frío, é a roupa que levas!». Isto lévame a falar do hábiles que son os escandinavos en tergiversar conceptos. Sen dúbida, eu diría que son os amos da maquillaxe comunicativa neste continente. Douvos uns cuantos exemplos:
1. En Dinamarca non hai invernos duros; só indumentarias inadecuadas.
2. Os problemas non existen; só retos a superar.
3. A contaminación é un plan cara á sustentabilidade. Quizais aquí, aínda que con máis acerto, tomaron nota de como Rajoy quixo convencernos de que unha marea negra era hiliños de nada.
4. A conciliación familiar é baixarte o e-mail ao móbil e traballar desde a túa casa (ou desde Koh Rong) despois das horas de oficina.
5. Facer cinema sen cartos é unha vertente cinematográfica innovadora chamada Dogma; o que facía o meu avó coas uralitas na viña, feísmo galego.
En fin. Suma e segue.
Estas ansias de manipulación narrativa están lixeiramente ligadas á necesidade que sofren os daneses por evadir a realidade. Se unha árbore cae nos seus fociños no bosque, poden chegar a negar a existencia da árbore, do ruído e do propio bosque. Quizais aprendan esta forma de ver a vida desde a súa tenra infancia. En Dinamarca tratan de evitar a linguaxe limitante na crianza dos nenos, pondo énfase nunha comunicación que enxalce o positivo. Por suposto, tamén trasladan esta máxima á súa vida adulta, cando o cóctel evasión máis medo ao conflito, cobra a súa máxima expresión. Así, os teus veciños xamais diranche que fixeches algo mal se os atopas no rellano. Iso si, non tardarán nin medio segundo en mandarlle un e-mail á directora da comunidade para que quede constancia de que fuches ti a que tiraches as latas no lixo dos orgánicos e se decate toda a veciñanza.
Segundo eles, isto é efectividade e transparencia.

Aínda que o neguen categoricamente, sacando a relucir a súa falsa modestia, moitos escandinavos adoecen de superioridade moral. Até certo punto podo entendelos. Ao fin e ao cabo, contribuíron ao avance da humanidade con grandes inventos: os Feroeses, co reconto de ovellas en Google Maps; os suecos, con mobles que podes montar en 20 minutos cun desaparafusador nunha man e unha cervexa na outra; os islandeses, cun xuramento oficial que os turistas teñen que asinar á entrada no país, prometendo respectar a natureza (non sabemos o que lles pasa a quen non cumpren o xuramento, pero Islandia ten moitos volcáns); e os daneses, que até hai pouco eran os amos do cotarro, con deixar aos bebés fóra dos cafés; é dicir, mentres ti te tomas o teu cortado en paz no centro de Copenhague, o teu bebé se inmuniza naturalmente contra a pneumonía, e deixa unha orgullosa constancia da imposibilidade de ser secuestrado neste país.

Se isto non é supervivencia do máis forte, que veña Darwin e nolo diga.
Non todo é mercadotecnia de perfección. O certo é que o nivel de vida en Dinamarca é alto e gozan dunha envexable sociedade do benestar. As taxas de felicidade, iso, si, vense manchadas polos altos niveis de estrés, ansiedade e depresión que sofren os daneses. Poida que isto débase á presión social á que están sometidos por manter a compostura en todo momento. Pero é esa homoxeneidade cultural e o seu sentido de xustiza social os que, de momento, fan posible que discursos populistas como os de Ayuso, que blande a bandeira dunha liberdade de chirigota, non se acomoden no poder.
Todo chega, din algúns. Espero que algunhas cousas nunca o fagan. Como dicía Platón, hai que ter fe na mentira que sostén calquera sociedade. E a mentira danesa, por agora, funciona.
Mellor que a primavera, á que esperamos con ansias.

Raquel Sertaje