“Cabreiroá”. Estrela sen alma

Desde a Ponte a… Monterrei!

Non hai moito, perdinme polos camiños da contorna de Cabreiroá. Ás veces paseo en solitario por un dos recunchos máis fermosos do val de Monterrei. Gústame percorrer estas paraxes, onde gocei unha infancia feliz. O camiñar, co silencio da mañá, só se escoita o murmurio dos paxaros que asubían unha sintonía relaxante. O balneario está preto, e ao ir achegándome ao recinto industrial, encólleseme o corazón. Muros de formigón armado, protexen o imperio da auga. Aquel suave son de antano, cando o choque leo das botellas presaxiaban unha actividade produtiva de futuro, hoxe multiplicase por tres. O traxen das máquinas e do transporte, absorben o croar das ras da lagoa, que aínda resisten no campo da Braña, apagando tamén as conversas das xentes, que na “fonte da misericordia” (fóra do balneario), enchen as garrafas da menciña natural.

O templo da auga, que Vázquez Gulías deseñou en 1906, xunto co edificio do hotel e fábrica, formaban un dos complexos balneario máis modernos e fermosos de Galicia. Tempo atrás, non moito, as xentes que se achegaban a Cabreiroá, baixaban as escadas do quiosco a degustar as burbullas dunha auga mineral única no mundo. Os faladoiros dos augüistas chegados de tódolos recunchos do país, daban vida e outra visión a un lugar extraordinario. Paz, encanto e acougo era o que se podía levar sen esforzo, dunha visita que naqueles tempos fuxidos, foi sen dúbida o motor da economía da nosa vila. Podería contar aquí historias fermosas que aconteceron en Cabreiroá, mais non é o obxectivo destas letras. As historias quedarán nos libros, experiencias divinas vividas polas persoas que gozaron os anos de esplendor deste paraíso, e plasmaron as súas experiencias con letras de ouro.

Cabreiroá foi propiedade de varias sociedades que de formas diferentes foron explotando unha actividade, que por falta de recursos económicos ía tirando como podían para non dar liquidación e peche a unha fabrica que xeraba postos de traballo na comarca. Todos esperaban a milagre en forma de inxección económica, para poder rehabilitar ao enfermo crónico con futuro incerto. De súpeto, apareceu unha estrela. A estrela máis dourada de Galicia. Daquela, a salvación dos postos de traballo, reforzou a moral dos traballadores, e a paulatina fuxida dunha angustia laboral lóxica e comprensiva incrementou a produción. “Hijos de Rivera”, inversión millonaria en ferraxe e cemento, esquecendo o glamour e o sentimento. Non teño máis que dicir.

So queda meditar. Agora sentado nun banco desgastado, interpreto os escritos dos que por aquí pasaron, e deixaron o seu testemuño. Penso tamén en José Mª Rivera Corral, o patriarca dos Rivera, o que puxo a primeira pedra do imperio cervexeiro na Coruña, no mesmo ano, que o premio Nobel en menciña, Santiago Ramón y Cajal, paseaba os paraxes de Cabreiroá e gozaba da súa estancia cun tratamento de toma de augas para curar un catarro intestinal crónico que padecía.

Tamén estivo por aquí, a infanta de España e princesa de Asturias, Isabel de Borbón y Borbón máis coñecida como “La chata” filla da raíña Isabel II, entre outras ilustres personalidades que forman parte da longa lista de visitantes e usuarios do gran hotel de Cabreiroá, onde o visionario José Garcia Barbón, encargouse de que non lle faltase ningún detalle. Luz eléctrica, auga corrente, as mellores viandas e servizos, cubertos co persoal máis especializado na materia e incluso un tranvía para achegar aos viaxeiros dende o centro da vila ata o balneario.

Todo ficou no esquecemento, a ninguén lle importa nada do acontecido. Os distintos gobernos locais non inxectan o mínimo interese polo rexurdimento destas pezas únicas, e os directivos da compañía propietaria, son repeiteados millonarios, que non pensan máis que no diñeiro, e que xamais tiveron un intre para interesarse pola historia de Cabreiroá, historia, tan rica como a cervexa que lonxe de aquí, preto do mar, inventou o avó Rivera, na fabrica da estrela que hoxe brilla máis que nunca, pero permítanme que lles diga con todo o convencemento, que brillar b rillará, pero para min, e dígoo con rabia, é unha estrela sen alma.

Miguel A. Prieto “Chitín”