O mes pasado estiven en Escocia

Cartas desde Copenhague

Encántame regresar ao Reino Unido todas as veces que podo. Escocia como destino vacacional é un acerto absoluto. Iso si, tiven que viaxar fóra de tempada porque, desde Dinamarca, durante Semana Santa ou na Ascensión, os prezos dóbranse ou triplican por arte da resurrección. Moza! Nesas datas, tan sinaladas por subidas aos ceos varias, un hostal de dúas estrelas con habitacións encopetadas con estampados do século 16 é todo un luxo ao alcance de poucos.

Se ti tamén estás medio moribunda por arrastrar a ansiedade laboral en tempos de incerteza; ou a túa conciencia está desorientada dada a tensión bélica e democrática á que nos expoñen os medios a diario, só tes que botar un ollo aos prezos de booking.com en tempada alta para que che déa unha boa descarga e que che devolva á realidade do mundo e á túa condición de clase obreira á que pertences. E é que nada che deixa máis claro o teu estrato social que tentar axendar catro días de vacacións nos meses de abril e maio. Isto é forte. Doume conta do privilexiadamente asquerosas que soan estas palabras; pero así están as cousas. Penurias primermundistas: un pozo sen fondo.

Non sei se explorar a nosa situación vital no 2024 é un exercicio de alta tensión que pode carrexar graves consecuencias e secuelas emocionais, ou unha ficción. Se me paro a pensar dous minutos no abismo do fake por cuxo escaparate nos paseamos a diario cada vez que acendemos os nosos dispositivos electrónicos, dáme antropofobia, un mal que xa golpea forte en China e en Xapón. Neste último país, xa teñen o termo Taijin Kyofushio para denominar un trastorno específico caracterizado, entre outras cousas, por unha forte angustia emocional, ansiedade, vergoña, e outros sentimentos de crispación derivados do enfrontamento a diversas circunstancias sociais, ou o que é o mesmo, a vivir. Cando as barbas do teu veciño vexas afeitar… compra unha Gillette, amigo Sancho.

Aos meus avós, que traballaron sen descanso e tiveron menos de 50 días de vacacións en toda a súa vida, as sesións de terapia a cen euros a hora para superar as crises de parella e outras vicisitudes contemporáneas, parecéronlles un malgaste e unha ciencia ficción en toda regra. Pero xa o di Taylor Swift en But Daddy I Love Him: We are modern idiots. Un pouco si, Taylor, aínda que ollo!: Non quero frivolizar as angustias modernas que teñen trastornada a unha boa parte da poboación occidental. E non é para menos, porque co mundo ao alcance dun clic, a nosa dúbida existencial está, como mínimo, en estado bipolar: navega entre atender o mercadillo ao aire libre en Vesterborgade, ou acudir á vixésima terceira manifestación a favor do estado Palestino.

Os nosos gobernos, enarborando a bandeira da ilustración e do humanismo internacional, barallan posibilidades e lanzan ameazas insignificantes, mentres que reprimen manifestacións estudantís que demandan unha maneira máis cabal de xestionar conflitos. Algunhas oposicións de estados democráticos avanzados até se atreven a tacharche de terrorista se se che ocorre manifestarte en contra do asasinato de civís. Agora dime ti se o panorama non está para que acabemos todas Taiijin Kyofushio perdidas.

Coa rabiosa actualidade desta guisa, quen non se quere tomar cinco días de reflexión? En Escocia ou no Carballiño! Eu avogo porque nos tomemos un mes enteiro se fai falta. Claro que de facelo, saquemos algún tipo de conclusión, e tomemos decisións vinculantes, por favor. A caso ten algún sentido tomar alento para volver a unha carreira de pitos sen cabeza? Non sería mellor cambiar as condicións da carreira? Mentres presenzo como a democracia se desmorona a cámara lenta mentres a alta sociedade neoyorkina disfrázase de xardín, se teño que escoitar unha vez máis enunciados tipo “polo menos Trump -e sucedáneos- é honesto e non un hipócrita como o resto de políticos”, entro en estado de antropofobia máxima nivel xaponés.

Creo que moitas reflexionamos sobre isto: sobre a posibilidade dunha realidade RADICALMENTE diferente ou, polo menos, de demandar unha idea máis ou menos clara e obxectiva da realidade. Pero nun mundo dun ultra egocentrismo rampante, é case de insensatas vivir na esperanza de que o abismo non nos engulirá. Podo chegar a entender que ás veces o máis fácil sexa deixarse levar e que reflexionen por nós. Xa sexa o veciño do quinto, o alcornoque de quenda que fala máis alto, ou o algoritmo de TikTok. Pero se tes a sorte de vivir no lado privilexiado do planeta, onde a noticia máis tráxica do mes sexa que un precioso edificio de 400 anos caese pasto das chamas, poucas escusas temos para non facer un exercicio de reflexión e unha demanda consecuente co que dite a nosa ética.

Se o mundo agradeceránolo ou non é algo secundario.

Raquel Sertaje