Preto de 400 persoas participarán na Cavernícola Race de Barbadás

O percorrido comezará no campo de fútbol dos Carrís e incluirá diferentes probas de barro, auga ou lume ao longo de 8 quilómetros de circuítos ao aire libre.

A carreira de obstáculos Cavernícola Race de Barbadás gañará en espectacularidade nesta quinta edición na que se inscribiron un total de 391 persoas. A proba foi presentada esta mañá nas inmediacións do Campo de Fútbol dos Carrís, dende o onde sairán os participantes que se enfrontarán este sábado 18 de maio a diferentes probas de barro, auga ou lume cun total de 30 obstáculos.

Tal e como explicou o coordinador de Deportes do Concello, Diego López, serán moitas as novidades desta edición que tamén terá un carácter solidario ao doarse parte do prezo da inscrición á Asociación Española de Pacientes con Mieloma Múltiple. Fernando González, veciño de Barbadás diagnosticado desta enfermidade e que protagoniza unha gran historia de superación, agradeceu a solidariedade dos participantes.

O concelleiro de Deportes, Cristian Rodríguez, asegurou que a carreira é cada ano máis espectacular e gaña en participación e subliñou a importancia “de que nesta edición o 50% dos inscritos sexan mulleres”. Tamén agradeceu o esforzo dos traballadores do polideportivo e animou a todos os veciños e veciñas a animar aos participantes.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, puxo en valor unha carreira que medra cada que pasa e que se consolida no calendario deportivo. Tamén agradeceu a Fernando González “á motivación que esperta en moitas persoas” e reivindicou que a natureza que rodea Barbadás fai que o concello sexa o escenario perfecto para este tipo de competicións deportivas.