A Xunta destina 12,3 millóns de euros.
A Xunta de Galicia impulsa a formación marítimo pesqueira cunha rede de centros de referencia nacional. E é que esta actividade ten un carácter estratéxico en Galicia, a maior rexión pesqueira de Europa, dado que representa o 5% do PIB e ao redor de 50.000 postos de traballo. Pero tamén se trata dun sector que afronta retos como a remuda xeracional, fundamental para garantir a incorporación de novos profesionais a bordo da ampla frota galega espallada por caladoiros de todo o mundo.
Con esa meta no horizonte, a Consellería do Mar inviste este ano 12,3 millóns que financian a rede de centros de formación autonómicos composto polo Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo (Ipmpa), o primeiro deste tipo en España e recoñecido como Centro de Referencia Nacional (CRN) en Pesca e Navegación, a Escola Oficial Náutica-Pesqueira de Ribeira, e outra localizada en Ferrol. Ademais, esta o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa, recoñecido como Centro de Referencia Nacional en Acuicultura e Mergullo.
Crecemento
Son máis de 500 persoas as matriculadas nos ciclos de formación profesional no ámbito pesqueiro no presente curso, logrando a maior matriculación desde o curso 2018/2019 e medrando un 3% con respecto ao curso pasado, reflexando a demanda e interese que suscita esta actividade.
A oferta formativa abarca os ciclos superiores de Patrón de Altura e Mecánico Maior Naval, os ciclos medios de Patrón de Litoral e Mecánico Naval, así como o ciclo superior de Acuicultura, o ciclo medio de Cultivos Acuícolas e o ciclo medio en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas, recentemente homologado polo International Marine Contractors Association (IMCA), principal entidade mundial que establece normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar. Deste xeito o Igafa sitúase como o primeiro centro público de toda España en alcanzar este recoñecemento que valora os recursos dispoñibles, as instalacións e a calidade docente, situando a Galicia como referente a nivel internacional.
Estes centros formativos autonómicos complementan a súa oferta con cursos de formación non regrada da que se beneficiaron máis de 1.200 persoas a través de 102 accións formativas ao longo de todo o 2024. Unha actividade docente que tamén ten un papel crucial na promoción da igualdade no marco da actividade pesqueira, tradicionalmente masculinizada, beneficiando a máis de 220 mulleres.
Inserción laboral
Un dos centros que destaca na rede autonómica é o Igafa, o único que imparte formación profesional de acuicultura e mergullo en Galicia. Conta nas súas instalacións con salas equipadas e os materiais e instrumentos máis modernos, ademais de piscina interior, foxo-piscina exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases, campo de prácticas no mar que son cunha sala de acuarioloxía, un obradoiro de soldadura, un obradoiro de mecánica e varias embarcacións.
Recentemente a homologación da súa formación de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiberbáricas (TOSH) pola International Marine Contractors Assosiation (Ipmpa), a principal entidade a nivel mundial que establece as normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar. Así, o centro autonómica sitúase na elite internacional sendo o primeiro centro público en alcanzar este recoñecemento en toda España. Na actualidade ofértanse 12 prazas para un ciclo que ten carácter bianual (un ano impártese o primeiro curso e ao seguinte o segundo) cunha gran demanda e unha inserción laboral do 100%.
Esta acción formativa é complementada con diversos cursos de menor duración como o de Iniciación ao mergullo profesional, o mergullador profesional de 2ª clase restrinxido, o mergullador profesional de 2ª clase, recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo ou de primeiros auxilios e de reciclaxe para mergulladores profesionais nivel I e II. No Igafa tamén se imparten o ciclo superior de Acuicultura e o ciclo medio de Cultivos Acuícolas, formando no presente curso, e no ámbito da formación regrada, a un total de 97 persoas das cales o 37% son mulleres.
Centros de referencia
O Ipmpa é un dos dous Centros de Referencia Nacional cos que conta Galicia, xunto co Igafa, sendo pioneiro na oferta de formación marítimo pesqueira a nivel español. Cada curso académico pasan polas súas aulas entre 350 e 400 persoas procurando unha mellor capacitación profesional e con ese fin conta nas súas instalacións con obradoiros de motores, mecanizado e soldadura así como cos simuladores máis avanzados de navegación, comunicación e máquinas. Sempre á vangarda,. É o primeiro de España e o segundo de Europa en contar cun planetario cunha bóveda de 8 metros que permite unha experiencia formativa de calidade e excelencia. Uns servizos que son complementados cunha residencia anexa con capacidade para 70 persoas.
Deste instituto sairán este curso 70 estudantes para realizar a correspondente formación nos centros de traballo (FCT). Na súa maioría embarcados en buques pesqueiros en caladoiros como Terranova, Malvinas, África ou Gran Sol, optando o resto do alumnado por buques de pasaxe ou remolcadores. Tamén rematarán a preparación teórica o alumnado das escolas náuticas de Ribeira e Ferrol chegando a incorporar, superadas as prácticas, ao mercado laboral ata 220 novos profesionais -79 de Ponte e 104 de Máquinas- listos para enrolarse nalgúns dos buques pesqueiros que compoñen a frota galega.
Da man do sector
No ámbito da formación, a Consellería do Mar traballa da man das entidades do sector que tamén realizan cursos financiados con apoios autonómicos ao abeiro dunha orde de axudas bianual dotada con 1,5 millóns de euros. Así, ao longo do 2024 impartíronse 20 cursos organizados por 6 organizacións pesqueiras dos que se beneficiaron 273 persoas e que se verán reforzadas na presente anualidade con 97 novos cursos impartidos por 17 entidades.