A actividade estará guiada, como é habitual, polo experto David G. Couso, e levarase a cabo o 21 de xuño.
O Concello de Barbadás impulsa o III Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite”, que se levará a cabo o próximo sábado 21 de xuño a partir das 9,45 horas. Esta terceira cita é, se cabe, a máis especial, ao realizarse neste 2025, Ano Martín Gaite en Barbadás. Como é habitual, o paseo estará guiado polo estudioso David G. Couso, quen achegará aos participantes á vida e obra da escritora, intimamente vencellada a San Lourenzo de Piñor. “Esta localidade é a capital do universo vital e literario de Carmen Martín Gaite”, recorda Ana Peleteiro, concelleira de Cultura.
O prazo de inscrición para sumarse á actividade permanecerá aberto ata o 18 de xuño. A solicitude realízase a través do enlace https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSc4PpM7Z2RN_NSvBN9nUC9rrDMH9jQddiBkWWT5OvwnW8LezQ/viewform. Neste terceiro paseo, os participantes recibirán un agasallo do Concello de Barbadás. Ademais, a cita contará coa participación da Banda Cultural Barbadás. Como nas anteriores edicións, o punto de inicio da ruta será o centro social San Lourenzo de Piñor.
Os servizos municipais de limpeza encárganse estes días de poñer a punto as zonas máis emblemáticas de San Lourenzo de Piñor, onde o grupo fará paradas para coñecer a influencia desta localidade na vida e obra da autora.
Petición á Xunta
A tenente alcalde, Victoria Morenza, e a concelleira de Cultura, Ana Peleteiro, mantiveron recentemente unha reunión co director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, para darlle a coñecer o intenso traballo de recuperación e divulgación da relación de Carmen Martín Gaite con Barbadás. “Levamos distintas documentacións do Plan Director que temos para documentar e xustificar a nosa proposta dunha posible colaboración da Consellería de Cultura co centenario da autora”, explica Peleteiro.
Nese sentido, as concelleiras amosáronlle o traballo realizado nos dous últimos anos, desde os paseos literarios ás actividades organizadas para poñer en valor as novelas da autora nas que o universo literario é Piñor. Por outra banda, regaláronlle un exemplar do libro de David González Couso, así como unha axenda deste ano Carmen Martín Gaite.
En relación á posible colaboración coa Xunta, as edilas plantexáronlle a posibilidade de colocar esculturas da autora, así como a sinalización do paseo literario para que se poida facer durante todo o ano, exposicións fotográficas ou contactar con institucións como a UNED ou a Universidad de Salamanca. Anxo Lorenzo asumiu o compromiso de sumarse ás iniciativas plantexadas, aínda que todavía non concretou a colaboración.
Por outra banda, Peleteiro e Morenza tamén se reuniron con César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, para valorar posibles vías de cooperación coa institución provincial.