O Cazador Errático e Juré Grando, inimigos de sempre

Crónicas Vampíricas

“Ao tocar coa man a proximidade da morte, volves os ollos cara ao teu interior e non atopas máis que banalidade, porque os vivos, comparados cos mortos, resultamos insoportablemente banais”.
Miguel Delibes

Camiñamos polas beiras do río sagrado, esquecendo, coma nun pacto de silencio non asinado, a nosa misión. Todos sabemos que a compañía do Cazador Errático da Cresta significa que a presa perseguida pertence á Orde Maior, un ser máis despiadado que o peor dos males.

O croata de Kringa, da rexión de Istria, trasladado en carros de lume, foi depositado na Cripta do Miño. A última parte da viaxe fixérona nun pequeno barco pesqueiro, de noite, para non espertar sospeitas. Antes cubrirán con cemento e circonio a rampla do desembarco, onde Nisa cheira o sangue que inunda o sarcófago: non chegou a callar malia o paso dos séculos.
O da Cresta está adestrado para a caza de vampiros violentos, pero Juré Grando é o máis cruel de todos. Cóntame o Errático que ata agora se descoñecía o seu paradoiro, pero si se notaba a súa presenza: violacións, crimes, desaparicións…

A canina interrompe o seu esculcado olfactivo e comenta: – Os responsables do ben sentimos a influencia do Espírito. Como o vento, non o vemos, pero notamos os seus efectos. Porén, o propagador do mal oculta a súa presenza, e ás veces os crimes máis horrendos pasan desapercibidos.
Eu non falo; cando estás rodeado de sabios, o prudente é ser humilde e tratar de comprender. O sabio Creston sabe de xogos de morte, de feitizos, de danzas no arame co abismo aos pés. A morte non o asusta: sobreviviu tantas veces nas circunstancias máis terribles que nin o escuro nin o profundo poden afastalo da fonte do seu poder, onde depositou a súa forza e a súa confianza.
Nisa e máis eu seguimos os seus pasos. Sabemos que se agocha na vella casa solariega; entre o escudo heráldico vetusto e a fiestra construíu un pasadizo para disimular o acceso.
As armas do Errático disparan balas de prata cada milésima de segundo, furando a pedra coma se fose manteiga.
Entramos por fin, e un cheiro nauseabundo invádenos. Nun recanto atopamos o sangue xa callado e o sarcófago baleiro: algún poderoso avisouno, e esvarou polo tobogán secreto ata as augas frías do Miño.

Os tres regresamos desconsolados ao noso refuxio, entre Fátima e o Principio. Nisa e máis eu, desanimados. O da Cresta di: – Os vampiros desta orde esvaécense en nove de cada dez intentos. Non vos aflixades, só lle quedan oito vidas. Será cuestión de tempo.
O seu brazo cobre os meus ombreiros e sinto a súa musculatura debaixo da capa. Comprendo que os anos non pasan en balde: as miñas forzas reducíronse polas batallas e as loitas, mais non me sinto mal. Sei que alguén se está preparando para a remuda. A canina, sempre fiel, bica a miña man e contonéase.
No recuncho, un cego sorrí feliz. A noite non lle impide ver a luz; a súa luz non reside nos ollos, emana do corazón.
Ao Cazador Errático da Cresta, que co seu saber e valentía combate o mal que non se ve. Na vida real, Juan Manuel Jácome, fillo meu, escudo firme contra os vampiros mentais.

Avelino Jácome