O fracaso tamén é un plan

Cartas desde Copenhague.

Nostalxia é meterte nun cinema a ver a última de Misión Imposible e porte a pensar en que estabas a facer hai 30 anos, cando viches a Tom colgado boca abaixo tentando roubar un floppy disk dunha fortaleza aparentemente inexpugnable. Ah, que tempos aqueles de floppy disks!

Durante a promoción de Misión Imposible, unha xornalista preguntoulle a Tom Cruise que consello daría a quen están a tentar alcanzar os seus soños. Gustoume a súa resposta. Nada de crer e suspirar á lúa chea. Tom foi máis realista: traza un plan no que desenvolvas con todo luxo de detalle os puntos que che permitirán chegar da A a Z, e rómpete os cornos para conseguilo. Pero, sobre todo, non lle teñas medo ao fracaso. Esa é a parte máis importante da aprendizaxe.

Cando o pensas detidamente, o de Tom é un consello bastante loable. Non acode a ningún cliché. De feito, se visualizas a túa meta pero non trazas un plan que che axude a alcanzala, probablemente non chegarás moi lonxe. E nin falar se ese plan non implica investir unha cantidade considerable de horas para ver resultados óptimos. Está claro que, polo camiño, pode vencerche a frustración. A única maneira de combatela é non perder de vista o teu obxectivo. Por tanto, o punto no que temos que investir máis tempo é, sen dúbida, en decidir que meta queremos alcanzar. Parece o máis fácil. Porén, non o é.

Calquera que pasase por unha experiencia académica sabe o pánico e a parálise que produce ter que entregar ao titor de quenda un tema para desenvolver o teu proxecto de carreira. Ante todo, tes que escoller un tema que che apaixone, sendo capaz de xerar un problema e demostrar que co teu traballo de investigación podes chegar a resolvelo, seguindo unha determinada corrente de pensamento que escollas como marco teórico que apoie a túa hipótese. É dicir, non só necesitas un obxectivo, senón todo un mapa a seguir, repleto de preguntas e ferramentas para respondelas. Se non pos os cimentos, o resto da casa non se sosterá. Por tanto, advertencia a soñadores: hai que ser realistas. Un obxectivo inalcanzable será unha perda de tempo.
Recordo que na miña primeira clase de Filosofía, no que antes era 3º de BUP, o noso profesor arengounos durante 40 minutos sobre o poder desta materia para establecer independencia e orixinalidade de pensamento. Nunca esquecerei o que sucedeu cando estaba a piques de soar a campá do recreo: “Ben. Despois do que ouviron, empezaremos polos clásicos desta disciplina, porque unha casa, por onde se empeza? Polos cimentos ou o tellado, señorita Begoña”.

A miña amiga Begoña, inspirada polo do pensamento orixinal, con ton de profundo convencemento e unha seguridade non moi típica dunha adolescente de 15 anos, soltou un rotundo “Polo tellado!”, que fixo que o resto da clase estalase en gargalladas.

Aínda que nunha clase de Filosofía ningunha resposta é falsa a priori, a lóxica termina sendo, como se di, esmagadora. Non cha podes saltar á toureira. Con todo, que o profesor recalcase o absurdo daquela resposta foi, para min, unha oportunidade errada para explicar ao resto da clase que o fracaso ás veces é o mellor que che pode pasar. Unha corrección socrática que a fixese reflexionar sobre a imposibilidade da súa proposta sería o pistoletazo perfecto para dar comezo a esta materia que, por desgraza, o sistema cre que non é necesario manter nas aulas.
E aquí estamos, en 2025. Vivindo nunha sociedade que esixe respostas e solucións inmediatas a todo. Que espazo no ofrece este modelo para explorar o fracaso, a posibilidade da rectificación e, o máis importante, a orixinalidade de pensamento?

Tom Cruise pasouse varias sagas e tres décadas facendo posible o imposible. Ou viceversa. Misións capicúas. Non podería aconsellarnos outra cousa que non fose: sal aí cun plan ben trazado e non temas equivocarte. Na ausencia de problemas non habería solucións.
O éxito é poder desenvolver este proceso con coherencia e consistencia. E aceptando o fracas como posibiidad de superación.

Raquel Sertaje